Delmi Álvarez volve ao conflito dos Balcáns

O fotógrafo vigués reedita o seu traballo durante a Guerra na ex Iugoslavia nun volume de máis de 500 páxinas: "Érase una vez en Europa"
A xornalista croata Sandra Veic e o seu colega Roman, durante un bombardeo na denominada estrada da milleira, por onde entraban os xornalistas durante o asedio á cidade de Vukovar DELMI ÁLVAREZ
photo_camera A xornalista croata Sandra Veic e o seu colega Roman, durante un bombardeo na denominada estrada da milleira, por onde entraban os xornalistas durante o asedio á cidade de Vukovar. © DELMI ÁLVAREZ

Vukovar, 1991 feridos no soto dun hospital Despois, tropas iugoslavas fusilaríanos DELMI ÁLVAREZ

Vukovar, 1991 feridos no soto dun hospital Despois, tropas iugoslavas fusilaríanos. © DELMI ÁLVAREZ

EMPATÍA. Nesas circunstancias é o único que importa: ser capaz de empatizar co que sofre, nun conflito no que se están asasinando nenos, no que se están violando mulleres, no que sae o peor do ser humano. Eu nunca busquei fotografar disparos. Para min o único que tiña sentido era fotografar o que quedaba atrás, cando os tiros xa pasaran». Delmi Álvarez (Vigo, 1958) quería documentar a terra queimada.

En 1991, o fotoxornalista, que hoxe traballa en Bruxelas para o xornal El País («é como estar noutro mundo; a política, para min, é o máis sucio que hai»), viaxou por primeira vez á ex Iugoslavia. Ata 1993 publicou en La Voz de Galicia as súas crónicas sobre a Guerra dos Balcáns, unha serie de enfrontamentos étnicos, políticos e relixiosos entre serbios, bosnios e croatas que derivaron no conflito bélico máis importante de Europa trala Segunda Guerra Mundial e que deixaron centos de miles de mortos. En 1994 recompilou a súa experiencia persoal e algunhas das súas fotos no libro "Reporteiro de guerra en Iugoslavia", de 154 páxinas, publicado pola editorial Xerais. «Pero aquela obra non estaba completa», aclara por teléfono. «Houbo unha certa censura nos textos e todo acabou quedando un pouco a medias».

Case 30 anos despois daquela guerra, Delmi Álvarez volveu revisar o material, «aproveitando o confinamento, as restricións e o verán en Vigo». E decidiu publicar unha nova obra pola súa conta: "Érase una vez en Europa", de 557 páxinas e con textos en castelán. «O primeiro libro saíu en galego porque é o meu idioma. Sabía que había certo interese en que saíse en castelán, pero quedou aí. Era algo que estaba pendente e que tiña ganas de facer». O volume saíu nunha edición limitada (100 exemplares). «Aproveitei ademais para ampliar o traballo con imaxes tomadas ata 1995».

O volume inclúe textos de amigos xornalistas do fotógrafo que cubriron aquel conflito: Ron Haviv, Alfonso Armada, Marleen Daniels e Luis Congil, entre eles. O últimos exemplares de "Érase una vez en Europa" están á venda en www.peregrinoteca.com (20 euros).

Delmi Álvarez cre que a maneira na que se informou daquela guerra dificilmente se poderá repetir. «Entre outras cousas porque hoxe o fotoxornalismo practicamente non existe. Non hai case fotógrafos nas plantillas dos medios. E rematará por non haber xornalistas tampouco», explica. «É unha lástima que todo dea igual. Porque se che vale a foto do curmán do cuñado que non ten calidade xornalística nin veracidade, váleche todo. O mesmo pasa cos textos. Se che vale a nota de prensa tal cal, non estás facendo xornalismo».

O vigués lembra que el acabou indo á ex Iugoslavia case por casualidade. «Eu non son fotógrafo de guerra. Fun por curiosidade. Estaba en Cuba no ano 90 e no 91 documentando o que se chamou "periodo especial". Cando volvín a Vigo, a Domaio, atopeime co conflito todos os días na televisión. Decidín viaxar, pero non como fotógrafo de guerra, senón como documentalista, que é o que son. Esa viaxe foi importante para min á hora de aprender a aceptar a realidade do mundo».

Estivo en Vukovar, Dubrovnik, Saraxevo e Mostar, entre outros lugares. «En 2013 quixen volver a aqueles sitios onde o pasara tan mal. E volvín a Vukovar, a onde entrei por primeira vez con Julio Fuentes, ao que despois mataron en Afganistán. Se algunha vez experimentei o que era unha guerra, foi alí. Volver tantos anos despois, dalgunha maneira, reconfortoume. Pero recoñezo que, por exemplo, non creo que sexa capaz de volver nunca a Saraxevo».

Delmiportada

A nena Nada Maksimovic coa súa nai e unha patrulla croata agardan o cese dun bombardeo. © DELMI ÁLVAREZ

Comentarios