Denuncian que para visitar Meirás haberá que dar datos persoais a unha empresa privada

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña denunciou que para entrar no pazo de Meirás haberá que facilitar datos persoais a unha empresa privada de seguridade. Este anuncio prodúcese despois de que a Xunta confirmase este domingo a data de apertura da antiga residencia de verán da familia Franco, que será o próximo 25 de marzo.

En concreto, todos aqueles que queiran visitar o edificio deberán mandar os seus ao correo [email protected], indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto, segundo indicou o Goberno galego nun comunicado. Ademais, o pazo só abrirá catro días ao mes, o mínimo esixido por lei para un monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Por iso, a CRMH considera que "a Xunta de Galicia actúa defendendo os intereses particulares da familia do ditador Franco e non o interese público". Así, afirma que o Executivo galego "non fixo cumprir a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, permitindo que a familia Franco mantivese pechado o pazo de Meirás desde que foi declarado Bic hai dous anos" e "non aplicou tampouco as sancións previstas por esa lei cando se negou a abrir o pazo ao público".

Un convenio "impresentable"
O convenio que asinou agora a Xunta cos propietarios é tachado pola asociación de "impresentable", pois "pon todos os obstáculos para que o pazo non sexa visitado". Neste sentido, apunta que demanda "requisitos discriminatorios e de dubidosa legalidade, como dar os datos persoais por correo electrónico a unha empresa privada de seguridade, e cun horario imposible de cumprir para moitas persoas que teñan unha xornada normal de traballo".

Tras insistir en que se trata dun "caso insólito, porque estes requisitos non se esixen para visitar outros monumentos declarados BIC", agrega que "o problema de fondo é que en Galicia o PP aínda non rompeu o cordón umbilical co franquismo e teñen medo a aplicar a lei aos descendentes do ditador". Finalmente, demanda da Xunta que faga público o contido íntegro do convenio coa familia Franco.

Comentarios