Dez anos sen Bienal de Arte

Pontevedra cumpre este xoves unha década sen acoller o que chegou a ser o máis importante evento artístico da capital da provincia
Un momento da inauguración da última Bienal de Arte, o 4 de xuño de 2010, con Lores, Louzán, Feijóo e Santiago Olmo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Un momento da inauguración da última Bienal de Arte, o 4 de xuño de 2010, con Lores, Louzán, Feijóo e Santiago Olmo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

Unha edición adicada ao Caribe e a Centroamérica que estendeu as súas actividades por distintos espazos de Pontevedra, de Vigo e de Vilagarcía foi a da última da Bienal Internacional de Arte de Pontevedra. Quedou inaugurada o 4 de xuño de 2010, hai xusto 10 anos. Uns meses antes do que debería ter sido a inauguración da súa seguinte cita, a de 2012, a deputada provincial de Cultura daquel momento, Ana Isabel Vázquez, anunciaba no Diario de Pontevedra que a Bienal non se ía celebrar.

Santiago Olmo
"Os proxectos artísticos só teñen sentido se acadan continuidade. Pódense modificar, reducir ou ampliar, pero é importante que sigan vivos"

"Tomar esa decisión foi difícil e doloroso, pero as circunstancias non nos deixaban máis opcións", lembra Vázquez, actualmente xerente da Cidade de Cultura. "Estabamos en plena crise económica. Vímonos obrigados a tomar esa medida. A Deputación destinou naquel momento moito diñeiro a iniciativas sociais. Así debía ser. Foi cando naceron, por exemplo, as bolsas que axudaron a moitos mozos e obter o seu primeiro emprego". Na hemeroteca daqueles días, a entón deputada tamén se refería, como prioridade, a destinar os recursos de Cultura a rematar a musealización dos diferentes edificios do Museo. "Con todo, a nosa intención foi sempre recuperala. A decisión foi pospoñela e repensala, pero é certo que tampouco puido ser en 2014". Para Ana Isabel Vázquez, sen embargo, sería importante que Pontevedra tratase de recuperar ese proxecto nalgún momento. "Sería moi interesante para a cidade volver a contar cun proxecto destas características, quizais con outro deseño actualizado, onde a parte virtual tivese un peso específico. Penso que a experiencia dixital veu para quedarse e, no futuro, convivirá coa presencial".

Ana Isabel Vázquez
"[Cancelar a Bienal] foi difícil e doloroso, pero as circunstancias non nos deixaban máis opción. A nosa intención sempre foi repensala e recuperala"

DIXITAL VS. PRESENCIAL. O que foi o último comisario da Bienal de Pontevedra, Santiago Olmo, actualmente director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), tamén reflexiona sobre o futuro deste tipo de eventos na era post-covid. "A covid-19 cambiou moitas cousas, pero para min o presencial é imprescindible no ámbito artístico. Porque a cultura é un elemento de socialización e de cohesión. A través dunha pantalla pérdese a emoción, a sorpresa, o descubrimento". Olmo acha que foi un erro deixar de celebrar a Bienal, que el lembra a título persoal como "unha experiencia extraordinaria". "Situaba a Pontevedra no mapa non só nacional, senón internacional. Para min tería todo o sentido tratar de recuperar ese proxecto. Quizais non exactamente coas mesmas características, quizais transformada noutra cousa, pero que seguise aí. Os proxectos artísticos só teñen sentido se acadan continuidade no tempo. Pódense modificar, reducir, ampliar e reformular, pero é importante que continúen vivos".

Carlos Valle
"Convertérase nunha cita ineludible no panorama plástico internacional. Que non trate de recuperarse é unha mágoa"

Da mesma opinión é Carlos Valle. O exdirector do Museo viviu todas as edicións da Bienal de Pontevedra, primeiro como espectador e despois como parte do equipo que traballaba nelas. "Lembro perfectamente que xa a edición de 1969 foi todo un acontecemento na cidade", explica. "A Bienal foi unha aposta ambiciosa moi importante para Pontevedra a distintos niveis: por suposto no cultural e artístico, pero tamén no que ten que ver coa autoestima da cidade. Convertérase nunha cita ineludible no panorama plástico, primeiro nacional e despois internacional. Que desaparecera foi unha mágoa e que non se trate de recuperar, aínda que quizais hoxe proceda que con outras características, tamén o é".

De 1969 a 2010 e a posterior cancelación
A primeira Bienal Provincial de Arte de Pontevedra celebrouse no ano 1969. "La afortunada idea de establecer las bienales surgió casi como una necesidad nacida de las exposiciones que se venían ya celebrando en el Palacio Provincial", segundo se explica na historia da Deputación de Pontevedra escrita por Xosé Fariña Jamardo e Miguel Pereira Figueroa. O evento, segundo estes autores, pasou por tres etapas: entre 1969 e 1977 (cando medrou ata chegar a ser internacional); entre 1978 e a 1981 (cando o sistema de premios entrou en crise), e dende aí en adiante (cando se consolidou o modelo profesional).

No ano 2010 celebrouse a última Bienal de Arte, cun orzamento de 498.000 euros. Dous anos despois, a Deputación fixo público que cancelaba a proposta polo seu alto custe económico.

Meses despois do cambio de goberno de 2015, confirmouse que o equipo de Cultura traballaba na recuperación do evento de cara a 2018, pero chegada esa data rectificouse e recoñeceuse que finalmente non se podía levar adiante o proxecto, que hoxe, en plena ampliación do Museo, permanece fóra da axenda do goberno provincial.

Comentarios