domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

Diego Bará: "Os sentimentos tamén son política"

Diego Bará. GONZALO GARCÍA
Diego Bará. GONZALO GARCÍA
O autor pontevedrés debuta na escrita co poemario A miña utopía, que publica a editorial Urutau

Poeta. Así se define no seu perfil da rede social Twitter Diego Bará (Pontevedra, 1997). Aínda que, por enriba diso, pon dúas cousas: a súa militancia nacionalista, "no BNG e en GalizaNova dende os 17", e unha convicción, "a tolerancia ten un límite". Que límite ten? "Por exemplo, o fascismo. Ou machismo. Hai cousas que non se poden tolerar".

A miña utopía, que publica a editorial Urutau, supón o debut literario do autor, fillo do deputado nacionalista do Parlamento galego e exconcelleiro de Pontevedra Luís Bará. Non é este un dato anecdótico: tanto o pai como a nai, Ana Louro, e as súas irmás, Sabela e María, son para el influencias fundamentais. "Sen dúbida ningunha". Tamén o foron as lecturas que realizou, a política e o compromiso coa lingua.

"Incluír no perfil de Twitter o de poeta é un xeito de identificarme co que son e de significarme ao mesmo tempo. É tamén unha maneira de dicirlle á xente que segue habendo mozos que escriben poesía en galego e que a nosa literatura ten futuro", explica. "Dende ben pequeno gustoume escribir, sobre todo poesía e relato curto, aínda que non foi ata agora que pensei en serio en publicar un libro".

Tras estudar no IES Sánchez Cantón e o ciclo Superior de Igualdade de Xénero da Xunqueira, o mozo prepara estes días a selectividade coa intención de subir nota. "Gustaríame moito adicarme á docencia", explica.

COMPROMISO. Hai medio ano empezou a escribir os poemas que acabaría recompilando no seu primeiro poemario, recoñece que marcado polo seu compromiso social. "Mira, para min unha referencia é Ana Pontón, que di que non nos podemos poñer límites e temos que mirar para o futuro. Se eu tiña un soño, era o de ver un libro meu publicado. E aquí está". Con todo isto está moi relacionado o título da obra, A miña utopía. "Eu definiría o que fago como poesía social, poesía comprometida co mundo e coa sociedade, cos valores que me ensinaron dende pequeno na casa. Pero no libro están tamén boa parte dos meus sentimentos. O que pasa é que eu creo que os sentimentos tamén son política".

O contacto de Diego Bará co selo editorial Urutau (que ten a súa sede galega en Pontevedra, que publica obra de autores galegos, portugueses e brasileiros, e que dirixe Wladimir Vaz) produciuse na última edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia Culturgal. "Unha amiga á que lle teño moito aprezo faloume da editora e, na pasada edición da feira, presentoume ao seu director. Entramos en contacto e de aí xurdíu a colaboración".

A previsión é que A miña utopía, agora mesmo en pre-venda, teña formato físico a finais de xullo. "Eu creo que a poesía é unha ferramenta de cambio", di o autor, que manifesta nunha entrevista publicada na web da súa editorial: "A través da poesía podemos petar na conciencia das persoas". Cando se lle indica que quizais esa é moita responsabilidade para a poesía, insiste. "Pois eu si que creo iso. Penso que a poesía pode axudar a que cambien as persoas e que a sociedade cambie. Así, de primeiras, pode semellar moi difícil, pero eu é o que me propoño. Quizais non podo contribuír doutro modo, pero con isto si. A poesía é un espazo no que me sinto cómodo e no que penso que podo axudar a cambiar as cousas".

Con todo, Bará non se acaba de atrever a dicir que aquí se inicia unha carreira literaria. "Sei que este é un mundo moi complicado. De primeiras, non penso adicarme exclusivamente a escribir. Pero sei que é algo que sempre estará aí".

Diego Bará: "Os sentimentos tamén son política"
comentarios