lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

Dobode homenaxea o saber dos maiores

Imaxe do videoclip de Marcelo Dobode. DP
Imaxe do videoclip de Marcelo Dobode. DP
O músico pontevedrés publica o videoclip da súa versión de Adiós ríos, adiós fontes como tributo "ás persoas que se viron máis afectadas pola pandemia, as nosas fontes do saber"

"AS PERSOAS maiores foron as máis afectadas pola pandemia. Eu vivía con medo por elas, porque perdelas é perder as nosas fontes do saber. Non é que morran e xa está, é que con elas se van moitas cousas que importan. Tiven claro todo o tempo que, en canto isto se normalizase un pouco, ía facer algo para homenaxealas". E fíxoo. O músico e cantante pontevedrés Marcelo Dobode publicou o 30 de xuño, na súa canle de YouTube, un videoclip que remata así: "Este videoclip é unha homenaxe a todas as persoas maiores, as nosas grandes bibliotecas, que nos ensinaron o valor da vida e que xa non están entre nós por mor da covid-19".

Trátase do tema Rosalía, do seu último disco, que é unha versión do poema Adiós ríos, adiós fontes, de Cantares gallegos. "Quixen quitarlle de enriba ao tema esa tristeza que se lle presupón. Porque eu non creo que ese poema sexa un choro senón un berro, unha reivindicación".

No videoclip de Raúl Moril, gravado en branco e negro en Soutomaior, "concretamente na Peneda, ese lugar máxico que lle deu título ao disco, Turoqua", aparece unha veciña de idade avanzada da localidade á que Dobode ten un grande afecto, Isabel Blanco Peleteiro. De feito, o traballo inclúe unha dedicatoria especial para ela «polo seu amor infinito».

Isabel Blanco aparece vestida ao xeito tradicional cun pandeiro da súa propiedade. "É un instrumento de máis de 200 anos que fixo o seu avó e que ela conserva", explica o músico que indica que, ao incluílo, quería dotar ao videoclip dun certo simbolismo. "Porque é unha peza con dous séculos de vida que nos segue falando, da que podemos seguir aprendendo. Temos que aprender a volver aos ancestros, ás raíces. Penso que algo disto se aprendeu durante esta pandemia".

Dobode publica este traballo mentres agarda o reinicio da xira de Turoqua. "Si, durante o verán xa volvemos dar concertos. Eu conto con subir aos escenarios moi pronto". Mentres tanto traballa xa no que será o seu novo disco. "Agora mesmo estou a punto de viaxar a Mérida para seguir investigando para os novos temas, que estarán moi influenciados polas músicas do sur".

Dobode homenaxea o saber dos maiores
comentarios