'O descoñecido' arrasa nos XIV Mestre Mateo

Levou 12 dos 16 galardóns aos que aspiraba na gala conducida por Touriñán e Marga Pazos
Dani de la Torre, con el Mestre Mateo al mejor director
photo_camera Dani de la Torre, con el Mestre Mateo al mejor director

Nin sorpresas nin dúbidas. No photocall onde os premiados ensinan a pesada figura de bronce que entrega a Academia Galega do Audiovisual non deixaron de pasear os integrantes do equipo da película gañadora. 'O descoñecido', producida por Vaca Films, Atresmedia e Televisión de Galicia, arrasa nuns premios nos que acumulou as categorías técnicas, artísticas e ata as mixtas.

Despois do respaldo do despacho de billetes e dos premios Goya, onde xa se recoñeceu o traballo de Jorge Coira na sala de montaxe e o do equipo de sonidistas, pero onde estaban como candidatos a mellor dirección Dani de la Torre e a mellor actor Luís Tosar -que se confirmaron-, 'O descoñecido' faise con 12 dos 16 premios aos que optaba, e convértese na película con máis galardóns nos Mestre Mateo.

Polo Palacio da Ópera da Coruña, presidido por unhas estruturas metálicas que debuxaban dúas 'M' xigantes, pasaron os rostros máis coñecidos do cine e a televisión galega. Os televisivos Xosé Antonio Touriñán e Marga Pazos relevaron a Roberto Vilar
na condución dunha gala que se alonga sempre máis aló do previsto, a pesar dos esforzos dos guionistas en axilizar o proceso.

Drons interactuando cos presentadores, técnicos interpretando papeis dos actores e a Banda Xabarín -formada por alumnas de Comunicación Audiovisual de Santiago-, interpretando a banda sonora do mítico programa, trazaron o relato principal
da décimo cuarta edición dos premios: os cen anos de vida do audiovisual galego, iniciados coa película 'Miss Ledya'.

O presidente da Academia, o guionista de televisión Carlos Ares, abriu o seu discurso cunha condena á violencia machista e unha invitación á reflexión dos profesionais do audiovisual. Máis tarde, alentou ao público a ser máis crítico, ás autoridades a
 ser máis comprensivas e aos compañeiros a seguir traballando, mentres poidan, nun sector que vive en precario.

Aos premios a Jorge Coira, Luis Tosar e Dani de la Torre, únenselle os dados ao tamén lucense Martín Barreiro, como mellor comunicador de televisión, e Antonio Pereira, premio á mellor dirección de arte pola película 'Lobos sucios'. O documental 'Os días afogados' e a curtametraxe 'Eco', de Xacio Baño, completaron a noite na que 'O descoñecido' tamén pasará á historia por acumular todos os galardóns de interpretación.

Comentarios