Elías León Siminiani abrirá o Festival Novos Cinemas

O cineasta inaugurará as proxeccións co documental 'Apuntes para una película de atracos'

O Festival Novos Cinemas de Pontevedra comeza a desvelar parte da súa programación a un mes de celebrarse: terá lugar entre o 11 e o 16 de decembro. O cántabro Elías León Siminiani será o encargado de inauguralo e Eloy Domínguez Serén, de pechalo.

Como antesala da súa chegada ás salas de cine galegas, Apuntes para una película de atracos, o último traballo de Siminiani, abrirá a terceira edición de Novos Cinemas. "Ademais, todo o público interesado poderá asistir tamén a unha clase maxistral gratuíta que o propio Siminiani ofrecerá ao día seguinte da proxección –mércores 12, na Casa das Campás– para desglosar o proceso de rodaxe dun filme así", explica o festival.

Apuntes para una película de atracos é un documental no que se conta a historia de Elías, un director de cine que soña con facer unha película de atracos. Durante o verán de 2013 , le unha noticia sobre a detención de 'el Robin Hood de Vallecas', o líder de 'la banda de las alcantarillas'. Sentindo que acaba de dar coa oportunidade para cumprir o seu soño, mándalle unha carta ao cárcere onde cumpre condena. Contra todo prognóstico, recibe resposta tres semanas despois: o Robin Hood acepta que vaia ao cárcere a visitarlo.

PREMIOS. Apuntes para una película de atracos acadou o Premio Abycine Indie 2018 e estivo presente en festivais como o de San Sebastián ou na Seminci. O seu responsable, Elías León Siminiani, conta cunha traxectoria pragada de premios e recoñecementos. Destacan pezas de ficción como Dos más (2001), Premio do Público Versión Española e Ludoterapia (2007), mellor curta en Europa Cinema 2007. Na non ficción, destacan os catro microdocumentais da serie Conceptos clave del mundo moderno, "que se alzaron con máis de cen galardóns internacionais", indica Novos Cinemas. En 2011 estreou unha nova curta de ficción titulada El premio, sendo nominado por ela aos Premios Goya 2012. Mapa, a súa primeira longametraxe tamén foi finalista na categoría de Mellor Documental nos Goya do ano seguinte.

E se o realizador cántabro será o encargado de inaugurar Novos Cinemas, o encargado de pechalo será o meañés Eloy Domínguez Serén. O festival proxectará Hamada, o último filme do director, rodado entre Suecia, Noruega e Alemaña e que vén de estrearse no International Documentary Filmfestival Amsterdam 2018. "Con tintes de humor e situacións inesperadas, a película perfila un inusual retrato dun grupo de amigos que viven nun campamento de refuxiados no medio do deserto do Sáhara", explica o festival sobre o filme.

Domínguez Serén, que estivo seleccionado no Berlinale Talents de 2017, estreou en 2014 a curta I Den Nya Himlen e a mediometraxe Jet Lag, programados no Festival de Cine Europeo de Sevilla. Os seus dous traballos máis recentes, Yellow Brick Road e Rust, estreáronse en Jihlava IDFF e FID Marseille respectivamente.

Inauguración
Elías León Siminiani

Martes, 11 de decembro. Teatro Principal. Proxección de Apuntes para una película de atracos, de Elías León Siminiani (Santander, 1971). Na súa traxectoria destacan pezas como Archipiélago (2003), finalista do Latino Filmmakers Showcase 04 de Sundance Channel. Mapa, a súa primeira longametraxe, foi finalista na categoría de Mellor Documental nos Goya 2013

Clausura
Hamada, de Eloy Domínguez Serén

Domingo, 16 de decembro. Teatro Principal. Proxección de Hamada, de Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño,1985). Antes de debutar como cineasta traballou como crítico de cinema. En 2012 mudouse a Suecia onde realizou a súa curtametraxe Pettring. A súa primeira longa, No Cow On The Ice (2015) foi premiada en Toulouse, Filmadrid, Play-Do ou Márgenes.

 

Comentarios