Coa ollada posta no Ártico

Eloy Domínguez Serén estrea 'Hamada' nas plataformas Márgenes e Filmin ►Mentres pasa a corentena en Simes, o cineasta traballa nos seus proxectos na Costa da Morte e no Ártico, ademais de na súa correspondencia filmada co colombiano Samuel Moreno
Eloy Domínguez Serén, este mércores, na súa casa de Simes (Meaño), mostrando a súa película en Filmin. CEDIDA
photo_camera Eloy Domínguez Serén, este mércores, na súa casa de Simes (Meaño), mostrando a súa película en Filmin. CEDIDA

Está en Simes (Meaño), na súa casa, pero Eloy Domínguez Serén (1985) pasea a diario a ollada polo Ártico. Porque o cineasta, que acaba de estrear a súa película Hamada nas plataformas Filmin e Márgenes, aproveita a corentena para traballar en novos proxectos. Un deles é unha longametraxe de ficción, The Darker It Gets, produción sueca (Momento Film) que se rodará na rexión ártica.

"O estado de alerta pilloume traballando aquí, en Galicia", explica o realizador. "Estamos preparando a rodaxe dunha curta de ficción que transcorre na Costa da Morte". En concreto, o equipo estaba localizando: buscando os escenarios nos que a curtametraxe se ía rodar esta primavera. "Agora quedou aprazada", explica sobre Rompente, que é como se titulará esta produción de Zeitun Films. "Afortunadamente o confinamento pilloume con moito traballo, con moito material acumulado. E a el me estou adicando".

"Afortunadamente o confinamento pilloume con moito material acumulado", di o director. "A el me estou adicando"

Por un lado, está a preprodución de Rompente e por outro a preparación da longa de ficción que rodará no Ártico, un espazo no que xa estivo filmando. "Por último estou a traballar nun proxecto de correspondencia filmada co cineasta colombiano Samuel Moreno, un proceso de intercambio que está resultando moi bonito", indica o director. "Ásí que ando ben entretido estes días".

Domínguez Serén conta tamén que está a gozar especialmente de que a súa película máis importante ata o momento chegase á rede. "Está sendo unha experiencia moi fermosa porque estou recibindo moitas mensaxes de agarimo. Estou feliz de saber que, dalgunha maneira, a película está contribuíndo a axudarlle a levar mellor este momento a moita xente".

ONLINE. Segundo conta o cineasta, a plataforma de cine online Filmin levaba tempo interesada en incluír Hamada no seu catálogo. "Pero estas cousas teñen os seus tempos. A película tiña que pechar primeiro a súa distribución nos festivais e despois chegar ás salas. No medio de todo isto chegou o confinamento e foi así como rematou directamente nas plataformas Filmin e Márgenes". A primeira delas, para celebrar a estrea, convidou ao realizador de Meaño a escoller as que son as películas favoritas do seu catálogo. Elixíu cinco: Canciones del segundo piso, de Roy Andersson; Morir en Madrid, de Frédéric Rossif; La patrulla de la muerte, de Andrzej Wajda; Carretera asfaltada en dos direcciones, de Monte Hellman, e Pasión, de Ingmar Bergman.

Entre as explicacións que achega Domínguez Serén sobre a súa selección hai eloxios aos directores ("Creo que Roy Andersson es el cineasta que más me ha emocionado a lo largo de los últimos años, desde la carcajada más desenfrenada hasta el afecto más desgarrador"), referencias persoais básicas ("Morir en Madrid es una película colosal y demoledora, a la que regreso cada cierto tiempo, y que siempre me produce dolor, aflicción, fascinación y admiración") e o seu amor por Suecia, case un país de adopción para o realizador ("Pasión es una de las películas más bellas y dolorosas que he visto nunca. El idioma sueco emocionándome profundamente, una vez más").

Eloy Domínguez Serén traballou en distintos medios de comunicación, como Diario de Pontevedra, antes de iniciar a súa carreira como cineasta. Entre outras cousas foi tamén cofundador e codirector da revista A Cuarta Parede. No ano 2012 trasladouse a Suecia, onde realizou a súa primeira curta, Pettring. A súa película No Cow on the Ice, de 2015, conseguíu posicionar o seu cine a nivel internacional ao facerse con galardóns en distintos festivais. O seu talento confirmouse con Hamada, un filme multipremiado co que conquistou á crítica.


AS ESCOLLIDAS EN FILMIN

Canciones del segundo piso

2020040217092298500


Morir en Madrid

Morir en Madrid


La patrulla de la muerte

La patrulla de la muerte


Carretera asfaltada en dos direcciones

Carretera asfaltada en dos direcciones


Pasión

Pasión

Comentarios