lunes. 08.03.2021 |
El tiempo
lunes. 08.03.2021
El tiempo

O castro da Atalaia tiña sauna

atalaia1_dentro.jpg
atalaia1_dentro.jpg

O xacemento lucense da Atalaia esconde un tesouro baixo terra. Así o confirmou a asociación sociocultural Mariña Patrimonio, que informou do achado duns baños castrexos que, de confirmarse a súa existencia, "incrementarían notablemente a imporancia do castro".

Nesta liña, tal e como explicou o presidente do colectivo, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, serían os primeiros monumentos con forno que aparecen nun castro da provincia.

No seu afán pola posta en valor da Atalaia, Mariña Patrimonio tirou de hemeroteca logo de escoitar dos veciños da zona, cos que mantén contacto permanente, que existía unha edificación "enterrada na horta da casa de Dorita", que se correspondería á orixinal sauna castrexa.

Informacións de 1974
Foi en exemplares vellos do diario El Progreso correspondentes a xullo de 1974 onde atoparon informacións referidas a este achado, xa documentado. Segundo estas, os baños descubríronse no transcurso dunhas obras no castro, e obrigaron á Dirección Xeral de Belas Artes a paralizar os traballos.

Tras varias escavacións arqueolóxicas, os restos foron enterrados de novo e perdéronse no esquecemento. Ata agora.

A pesar de non conseguir acceso aos informes redactados daquela, desde Mariña Patrimonio están convencidos de que se trata duns baños castrexos. A súa forma, case idéntica á doutros xacementos deste tipo en Galicia e Asturias, e a súa localización, semienterrados á entrada do castro, alimentan a validez do seu descubrimento.

Tamén coincide a estrutura, rectangular e composta por unha escaleira para acceder ás salas, un vestíbulo, unha antecámara, unha cámara e un forno.

O mellor conservado
As saunas e os fornos aparecen en moi poucos castros. En Galicia só está documentada a súa existencia nun xacemento de Espasante (Ortigueira) e noutro de Santa María de Augas Santas (Ourense), polo que o da Atalaia sería o terceiro na comunidade e o primeiro na provincia.

Con todo, hai unha diferenza cos dous coñecidos: o de Lugo sería o único que mantén a falsa bóveda e, polo tanto, o mellor conservado. "Estariamos ante unha sauna castrexa practicamente intacta, o que suporía unha dos descubrimentos máis importantes do mundo castrexo dos últimos anos", indica Rodríguez Guerreiro.

De momento, Mariña Patrimonio informou á Consellería de Cultura, e espera que se tomen medidas para protexer a totalidade do castro e evitar que se constrúa sobre el.

O castro da Atalaia tiña sauna
comentarios
ç