Era unha vez... na Praza da Pedreira

Jojo Rabbit abre o ciclo de proxeccións de cine de verán do cineclub, que inclúe cinco títulos ata o 31 de xullo
A personaxe de Margot Robbie, no cine, en 'Era unha vez... Hollywood'.
photo_camera A personaxe de Margot Robbie, no cine, en 'Era unha vez... Hollywood'. DP

A comedia negra Jojo Rabbit (2019), baseada no libro Caging Skies (El cielo enjaulado en castelán), de Christine Leunens, que conta entre os seus protagonistas con Scarlett Johansson e Sam Rockwell, é o primeiro título en proxectarse, este mércores, no ciclo de cine de verán que o cineclub Pontevedra leva a cabo na Praza da Pedreira e que se prolongará ata o domingo 31 de xullo. O filme foi finalista a seis premios Oscar e gañou o de mellor guión adaptado.

Cinema e estrelas, que pasa todos os títulos en versión orixinal subtitulada, ofrece "unha selección de filmes que permite coñecer algunhas das películas máis exitosas dos últimos anos, alén dun clásico atemporal como é Jour de Fête (Día de festa), unha película francesa dirixida por Jacques Tati en 1949 que foi candidata ao León de Ouro no Festival de Venecia", explica o cineclub. O filme de Tati pechará o domingo as proxeccións.

O resto dos títulos que se poderán ver na Pedreira son Libertad (2020), Parásitos (2019) e Era unha vez en... Hollywood (2019).

Libertad é a película que se pasará este xoves (28 de xullo). Opera prima de Clara Roquet foi seleccionada pola Semana da Crítica de Cannes e inaugurou a Semana Internacional de Cine de Valladolid. Foi finalista en seis categorías dos Premios Goya e gañou dous: dirección novel e interpretación feminina de reparto (Nora Navas).

O venres (29 de xullo) será a vez de Parásitos, película surcoreana, dirixida por Bong Joon-ho, gañadora da Palma de Ouro en Cannes e do Oscar á mellor película.

Finalmente, o sábado (30 de xullo) poderase ver a película máis recente de Quentin Tarantino, Era unha vez en... Hollywood, protagonizada por Leonardo DiCaprio, Brad Pitt e Margot Robbie.

Todas as proxeccións teñen lugar ás 23.00 horas na Praza da Pedreira. A entrada é de balde.

Comentarios