Falece a poetisa Francisca Aguirre, Premio Nacional das Letras de 2018

Non se dedicou á literatura ata os 41 anos, cando publicou o seu primeiro libro de poemas

Francisca Aguirre. ESTEBAN COBO (EFE)
photo_camera Francisca Aguirre. ESTEBAN COBO (EFE)

A poetisa alacantina Francisca Aguirre, falecida este sábado na súa casa de Madrid aos 88 anos, recibiu en 2011 o premio Nacional de Poesía e, sete anos despois, o premio Nacional das Letras. Nacida en Alacante en 1930, Aguirre traballou no Instituto de Cultura Hispánica, onde foi secretaria do poeta e ensaísta Luis Rosales entre os anos 1971 e 1994.

Non se dedicou á literatura ata 1971, cando publicou o seu primeiro libro de poemas, Ítaca, que obtivo o premio de poesía Leopoldo Panero. Desde entón, e coa excepción da década dos 80, continuou publicando a súa obra de xeito ininterrompido.

Foi galardoada co Premio Nacional das Letras 2018 pola súa poesía, a "máis machadiana" da xeración dos 50, situada "entre a desolación e a clarividencia, a lucidez e a dor, rumoreando palabras situadas entre a conciencia e a memoria". Antes, en 2011, obtivera o premio Nacional de Poesía por Historia de una anatomía, un libro no que recorda as súas vivencias, entre elas, a morte do seu pai. Por esta obra tamén obtivo o premio Miguel Hernández 2010.

Francisca Aguirre é autora, entre outros, dos poemarios Ensayo General, premio Esquío 1995, e Pavana del desasosiego, premio María Isabel Fernández Simal 1998.

O seu Poesía completa 1966-2000, un tomo con todos os libros de poemas escritos ata o 2000, obtivo o Premio da Crítica Valenciana ao conxunto dunha obra no ano 2001. Tamén escribiu o conxunto de relatos Que pase la plancha Rosa Luxemburgo, polo que obtivo o Premio Galiana en 1994, e do libro de recordos Espejito, espejito.

A súa obra foi traducida ao francés, italiano, portugués e árabe. Francisa Aguiirre era filla do pintor Lorenzo Aguirre, a quen lle dedicou o poemario Trescientos escalones, e viúva do poeta e flamencólogo Félix Grande, que faleceu en 2014.

Comentarios