O FICBueu chegará aos fogares a través do papel

Coa 'Nouvelle-Vague' como primeira protagonista, o festival prolongará a vida dos curtos a través dun libro
Severiano Casalderrey en la presentación del nuevo libro. RAFA FARIÑA
photo_camera Severiano Casalderrey na presentación do novo libro. RAFA FARIÑA

"Dar un paso máis aló" é o obxectivo principal do novo "Caderno FICBUEU #1, un libro escrito polo subdirector do festival internacional de curtametraxes, Severiano Casalderrey. A publicación, que se presentou este xoves na Casa das Campás do campus universitario de Pontevedra, será unha ampliación dunha das seccións que os espectadores do aclamado evento poden gozar desde o ano 2019: retrospectiva.

Cunha temática diferente en cada edición, o primeiro volume estará destinado ao novo cine francés, a Nouvelle Vague cun percorrido por algunhas das curtas máis destacadas de entre os anos 1957 e 1965.

Esta sección do festival é unha das últimas incorporacións e pretende achegar ao público algunhas das curtas históricas dentro dun movemento concreto para poder realizar unha retrospectiva sobre elas.

Nesta liña, o obxectivo principal é dar a coñecer parte da historia da curtametraxe a través de autores moi coñecidos, que deron os seus primeiros pasos neste formato, pero tamén mostrar a obra doutros "autores que quedaron un pouco na sombra", explica Casalderrey, así como aqueles que se viron influenciados por todos eles.

MÁIS CADERNOS. O espazo conta cunha gran acollida por parte do público e terá agora unha versión en papel grazas a este novo libro. "Esta é a primeira de moitas", explica o seu autor, "estamos xa perfilando a deste ano" que, sen desvelar moito, virará ao redor de Canadá e unha liña histórica entre os anos 60 e principios dos 80.

Severiano Casalderrey é profesor de música e encargado da programación do festival budetense, así como da propia sección de restrospectiva na que exerce -coma se dunha galería de arte tratásese- de comisario das curtametraxes que se proxectarán ante o público e que son en ocasións "moi difíciles de conseguir". 

"Búscase sempre unha lóxica na proxección", explica o subdirector, que fai fincapé en que todas as obras que se mostran teñen un lugar e un porqué no festival. Con esta publicación en papel "queremos que vaia máis aló" ampliando as paredes do Centro Social de Mar que cada ano acolle os curtos, aos fogares dos espectadores, xerando unha vida ao festival máis aló da súa semana de setembro.

O obxectivo deste libro é ampliar a experiencia da sala de cine ao mesmo tempo que contribúe á historiografía do curto 

A NOUVELLE VAGUE. Esta primeira publicación recollerá aqueles curtos que se puideron gozar na sección retrospectiva da edición do 2019, dedicada á Nouvelle Vague, un dos movementos do novo cine máis destacados da historia.

Este movemento, en busca do realismo marcou a historia da sétimo arte nos anos 60 cun cine francés que escapa do encorsetamento buscando unha mirada fresca, explica Casalderrey.

Así, as páxinas deste caderno servirán a modo de coloquio co espectador no que poderán coñecer máis de cerca a algúns dos directores destas obras e ampliar o coñecemento obtido coa proxección. "Que non sexa unicamente acudir á sala e velo, senón que poida ter unha idea máis profunda do período histórico" que se trate na sección cada ano, sinala Severiano.

FICBUEU 2021. A décimo cuarta edición do FICBueu terá lugar do 10 ao 19 de setembro deste ano e ten aberta ata o próximo 15 de abril a convocatoria para recibir curtametraxes nas súas categorías competitivas.

Comentarios