Figuras de culto e estreas en España na quinta edición do WOS Festival

Case unha trintena de artistas actuarán en dez espazos do centro histórico aos que a organización prevé que asistan 3.500 persoas 

Presentación del WOS Festival. CONCELLO DE SANTIAGO
photo_camera Presentación do WOS Festival. CONCELLO DE SANTIAGO

Santiago acollerá, do 12 ao 16 de setembro, o WOS Festival Son Estrella Galicia, un evento de música electrónica contemporánea que na súa 5ª edición contará con propostas "máis experimentais" e con máis "presencia de artistas visuais". 

O programa contará con 26 artistas dun total de doce nacionalidades que levarán os seus espectáculos a unha decena de espazos repartidos polo centro histórico de Santiago. A iso súmanse programas paralelos de cine e charlas, que chegarán, incluso, á Cidade da Cultura, segundo explicou en rolda de prensa o director do festival, Iván Arias. 

Ademais deste, tamén acudiron á presentación a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. 

Neste contexto, o director do WOS Festival destacou a presenza do espectáculo audiovisual Continuum dos artistas de Sri Lanka Paul Jebanasam e Tarik Barri. Éste, xunto ao 'show' do artista sonoro xaponés Asuna Arashi, presentaranse por primeira vez en Galicia e en España. 

Outros nomes do cartel serán o dúo británico The Bug feat. Miss Red, o norteamericana Laurel Galo, o artista húngaro Gábor Lázár e o compositor serbio de 'drone ambient' Abul Mogard, por primeira vez en España. Por parte de Galicia, actuará tamén o grupo de 'jazz' Sumrá. 

Con este cartel, Iván Arias explicou que o WOS Festival atópase nunha "etapa de transición" que busca converterse nunha "proposta máis coherente, focalizada e contemporánea" coa que prevén, segundo cifras provisionais, chegar a 3.500 persoas.

"AMPLIAR LINDES ENTRE DISCIPLINAS". Pola súa banda, a concelleira de Acción Cultural destacou que o evento intenta "ampliar lindes entre disciplinas e vangardas" cos que "transformará" unha decena de lugares do centro histórico. 

Neste sentido, a vicepresidenta da Deputación da Coruña deu por inaugurada a "tempada de festivais" na capital galega, un lugar "privilexiado" para este tipo de eventos para os que, recordou, a institución provincial conta con dúas liñas de subvencións: "Queremos axudar a difundir cultura, a crear dinamismo e emprego". 

Así mesmo, Goretti Sanmartín erixiu ao evento nun "festival máis que consolidado" que conta co "apoio de distintas institucións". Neste sentido, o director de Agadic valorou tamén a participación da empresa privada como, neste caso, Estrella Galicia.

OS 'ENCONTROS'. Pola súa banda, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura recordou que, dentro do propio WOS Festival, terán lugar os 'Encontros', uns espazos de debates e charlas entre artistas, empresas e organizadores de festivais. 

Con esta proposta, o evento busca "pór en común todas as manifestacións e tendencias culturais" do momento, tal e como declarou Ana Isabel Vázquez. 

Comentarios