‘E se foxe hoxe?’ ponnos na pel das vítimas do 36

A Deputación lanza un proxecto fotográfico para homenaxear ás vítimas do golpe franquista a través de persoas actuais: Lores, Silva, Ortega, Bará, Kiko Da Silva, alcaldías do Morrazo, a profesora Anxos Rial, o libreiro Cano Paz e Alba Díaz

A Deputación presentou o venres a súa campaña de Memoria Histórica E se fose hoxe?, un proxecto fotográfico que pretende homenaxear ás vítimas do golpe de 1936 que defendían á liberdade. A iniciativa provincial coloca a persoas actuais no lugar de quen ocupaba daquela o seu mesmo cargo, vivindo as diferentes situacións de represión que se sufriron tralo alzamento.

As encargadas de presentar a campaña foron a deputada de Memoria Histórica María Ortega e a técnica provincial Montse Fajardo. A nacionalista destacou que con este proxecto "impactante" quere chamar á atención sobre dúas cousas: dar a coñecer ás vítimas do 36 dun xeito máis humano "e que a poboación en xeral, e a mocidade en particular, entendan que non eran distintas a nós", e en segundo lugar, "xa que agora é máis necesario que nunca, alertar do perigo do avance do fascismo, ilustrando as consecuencias que tería o golpe de Estado se fose hoxe". Segundo Ortega, a posta en marcha da campaña decidiuse por un "exercicio de responsabilidade". "O importante é que a xente teña presente o que fomos, para saber o que nos está a pasar, consecuencia do fascismo, e construír un futuro de liberdades e respecto", salientou.

A técnica de memoria Montse Fajardo explicou que para aparecer na campaña buscáronse persoas que representasen distintos tipos de represión. Así, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores representa ás persoas que tiveron que meterse nun tobo para salvar á vida, como Manuel García Filgueira, alcalde de Pontevedra no momento do golpe que estivo trece anos agochado, desde xullo de 1936 ata 1949.

Carmela Silva lembra ao presidente da Deputación Maximiliano Pérez Prego, que viu suspendido o seu xuízo e morreu no Hospital –tras enfermar no cárcere- antes da conclusión do seu consello de guerra. O deputado Luís Bará lembra a Bibiano Fernández Osorio-Tafall, cuxa historia reflicte o exilio. O ilustrador Kiko Dasilva representa a Castelao e a fame e as penurias económicas que pasou. Cano Paz, libreiro da Libraría Paz, representa a incautación de bens e en concreto ao seu avó, Ramiro Paz, a quen fusilaron e logo quitaron a imprenta á súa familia.

A profesora do IES Sánchez Cantón Ánxos Rial personifica ás profesoras comprometidas que son expulsada das aulas, como Ernestina Otero ou tantas outras... A deputada María Ortega representa á vilagarciá Juana Otero, que foi ‘rapada’. Aparece nunha foto que conta con outras mulleres como a actriz Aire Quinteiro ou a cantante Uxía Senlle. Tamén se fixo unha foto coas persoas que ocupan na actualidade as catro alcaldías do Morrazo cuxos titulares foron asasinados no 36: Marín, Bueu, Moaña e Cangas. "Quixemos que fose un proxecto plural, con representantes de distintos grupos políticos, porque todas as forzas democráticas deben involucrarse na defensa da memoria", dixo Fajardo. Na foto aparecen María Ramallo Vázquez (PP). Félix Juncal e Leticia Santos Paz (BNG) e Victoria Portas Mariño (Alternativa canguesa de esquerdas).

Tamén se pretendeu homenaxear á xente que estivo présa e para iso escolleuse ao consignatario Dámaso Carrasco, como cara visible dos presos da illa de San Simón; con Alba Díaz.

Comentarios