Galicia exhibirá por primeira vez o 'Códice Calixtino' do Vaticano no Gaiás

Na mostra, que se inaugurará en novembro, tamén estará o Cancionero da Biblioteca Vaticana, peza esencial da lírica galaico-portuguesa

Román Rodríguez con José Tolentino de Mendonça y José Rodríguez Carballo, en Roma. XUNTA
photo_camera Román Rodríguez con José Tolentino de Mendonça e José Rodríguez Carballo, en Roma. XUNTA

O Liber Sancti Iacobi, Códice Calixtino do Vaticano, e o Cancionero da Biblioteca Vaticana exporanse por primeira vez en Galicia a partir do próximo mes de novembro. Estarán no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acadou este mércores un acordo en Roma coa Biblioteca Apostólica Vaticana, acompañado polo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, monseñor José Rodríguez Carballo. 

O Liber Sancti Iacobi é un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, ademais do orixinal de Santiago, que se conservan no mundo. O Cancionero da Biblioteca Vaticana, pola súa banda, é unha peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa. Será a primeira vez que se exhiban en Galicia dúas pezas de tan "alto valor simbólico", di a Xunta, para a cultura galega.  

Ambas as pezas formarán parte da exposición Galicia, un relato non mundo, "a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21", que se inaugurará en novembro. "Se o Pergamiño Vindel ou A derradeira leición do mestre foron dous grandes logros, esta nova exposición suporá un fito cultural moi notable", asegurou o conselleiro. Ademais, engadiu que, xuntas, estas dúas obras "conformarán unha das maiores exposicións internacionais en termos de recuperación de pezas crave" da identidade cultural de Galicia "esparexidas en diferentes lugares do mundo". 

Segundo a Xunta, no códice "pódense observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelán como, por exemplo, o propio rostro do emperador Carlomagno". Do mesmo xeito, o Cancionero da Vaticana trátase dunha "obra con excepcional valor simbólico para Galicia, pero tamén central na tradición literaria de Europa". É, xunto co Cancionero de Ajuda e o Cancionero da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego-portuguesa medieval.

Comentarios