viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

"Hai que publicar libros que teñan pouso"

Imaxe de Luís Rei xunto a César Antonio Molina, Ramiro Fonte e Tucho Calvo, nunha lectura poética. RAFA FARIÑA
Imaxe de Luís Rei xunto a César Antonio Molina, Ramiro Fonte e Tucho Calvo, nunha lectura poética. RAFA FARIÑA
A colección Tambo, nacida en Pontevedra en 2000, publica o seu título número 50 tras acadar dous Premios Nacionais de Poesía na súa etapa en Kalandraka ►O escritor e xornalista Luís Rei está detrás deste proxecto

O primeiro Premio Nacional de Poesía que se lle concedeu en España a un libro escrito en galego foi, en 2013, para un publicado na colección Tambo, Os ángulos da brasa. O seu autor era Manuel Álvarez Torneiro, amigo persoal do editor desa colección nacida en Pontevedra en 2000, o escritor e xornalista Luís Rei. "A min o que me preocupa é publicar libros, non publicar nomes", explica na súa casa de Mourente. "Libros que xustifiquen a defunción dun número determinado de árbores. É como se tes un ollomol estupendo e o botas a perder porque o cociñas mal. Asasinaches un ollomol. Pero se o cociñas con agarimo e correctamente é algo celebrativo. Cos libros pasa o mesmo. Hai que publicar libros que teñan pouso. Polo menos, hai que intentalo. O espazo de Tambo queremos que sexa para voces que previamente traballaron moito nos seus textos, esas das que despois saen libros de calado".

Álvarez Torneiro e Luís Rei, nunha foto de José Caruncho
Álvarez Torneiro e Luís Rei, nunha foto de José Caruncho
 

A colección Tambo, na que tamén se publicou o Premio Nacional de Poesía de 2020, concedido a Feliz Idade, de Olga Novo, naceu en 2000 da man da Deputación de Pontevedra. "Nun momento dado, no Servizo de Publicacións falaron comigo para publicar un libro de poemas. Pero eu quería intervir na edición da obra. Ese organismo publica moitos títulos, pero non moi coidados. A partir dese interese xurdiu a posibilidade de crear unha colección de poesía".

Libros Kalandraka colección TamboMERLÍN. Luís Rei xa se interesara pola edición anos atrás. "Como dicía Juan Ramón Jiménez, os libros din cousas distintas en edicións distintas. O mesmo texto é diferente en segundo que edición se lea. Do que se trata é de aproximarse fisicamente ao que o autor quería transmitir emocionalmente". O escritor xa tiña iso na cabeza cando publicou, entre 1991 e 1992, tres libros na serie Merlín e familia: Fabulario novo, de Manuel Cuña Novás; Tempo de elexía, de Uxío Novoneyra, e De tanto ollar, de Eugénio de Andrade. "Foi un primeiro achegamento á edición, que despois completei con Tambo". No ano 2006, tras 36 títulos públicados, a Deputación decide prescindir de Tambo. En 2012, Kalandraka recolle o testemuño e a colección "pega un despegue definitivo". Acaba de publicar o seu título número 14 co selo pontevedrés. "Para min, Kalandraka é a editorial máis relevante do noso tempo no panorama galego. Tambo beneficiouse do traballo dun equipo con xente tan boa como a deseñadora Macu Fontarigo, a editora Silvia Pérez Tato ou a responsable de comunicación, Paz Castro, en definitiva, de todo ese equipo que capitanea Xosé Ballesteros".

A colección segue levando o nome da illa pontevedresa co que naceu. "Por un lado, Tambo é a illa de referencia nesta ría. Por outro, a illa ten unha importancia capital nos cancioneiros galegos. Aí está Mendiño, do que se conserva unha única cantiga, a adicada a San Simón, para min mesmo superior en capacidade expresiva e emotiva ás sete de Martín Codax", explica Luís Rei. "As illas conforman unha especie de territorio especialmente adecuado para a poesía, son como a súa reserva india. Tambo ofrece iso".

Libros Kalandraka colección Tambo

Outra característica da serie que se mantivo ao longo dos anos foi o uso de ilustracións de creadores relevantes da arte contemporánea galega. "Sempre lle outorgou un plus aos poemarios". Por Tambo pasaron dende Manuel Moldes, que ilustra o libro póstumo de Manuel Álvarez Torneiro que acaba de saír, ata Antón Lamazares, pasando por Din Matamoro e Menchu Lamas.

OUTRAS LINGUAS. Na etapa de Kalandraka, Tambo expandiuse cara linguas do resto do territorio estatal, unha cuestión que lle interesa especialmente a Luís Rei. Publicáronse en galego dúas traducións do éuscaro realizadas por Isaac Xubín (Alén da fronteira. Sete poetas vascos, de varios autores, e Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia) e outra do catalán, realizada por Xabier Rodríguez Baixeras (Tríptico, de Antoni Marí). "Sempre en edición bilingüe", indica o editor, que volve ao que é o único criterio que manexa para traballar. "Do que se trata é de coidar moito os títulos e non tanto de publicar sen parar. É a maneira de gañar a confianza dos lectores".

Libros Kalandraka colección Tambo

Sobre os premios que apuntalaron Tambo, Luís Rei móstrase prudente. "O libro de Olga Novo tivo unha boa acollida cando saíu, sen máis. Pero unha vez que recibiu o Premio Nacional foi unha explosión. E non deixa de ser o mesmo libro. Exactamente o mesmo. Quero dicir con isto que os premios están moi ben, porque axudan a difundir unha obra, pero non son o máis importante. Hai libros afortunadísimos que chegan no momento xusto e outros que non. E estes últimos non son menos bos. Así que hai que relativizalo todo. E celebralo cando soa a buguina".

O mesmo di de Álvarez Torneiro, do que Tambo publicou tres títulos coa Deputación, incluído o último daquela etapa, e catro en Kalandraka, incluído o primeiro do selo. "E todos son libros magníficos, antes e despois de Os ángulos da brasa. Calquera que queira achegarse á fondura lírica de Álvarez Torneiro sempre terá que pasar por aquí".

Rei colle nas mans Feliz Idade, de Olga Novo. "Eu vexo este libro publicado por nós e penso que podemos sentirnos orgullosos de como, a través do respecto e da admiración por unha obra, creamos un obxecto fermoso para a xente. Lembro aos agoreiros dicindo hai 15 anos que ía desaparecer o libro en papel. Pero resulta que esta cousiña tan ben ideada é un obxecto invencible, que a xente segue necesitando. Aí está, resistindo, porque é un artefacto perfecto".

"Hai que publicar libros que teñan pouso"
comentarios
ç