Ibáñez actuará en Braga na reinauguración da VI Capital da Cultura do Eixo Atlántico

O gaiteiro pontevedrés e o seu grupo foron convidados por Canto D'Aquí a abrir 'Convergências'
Un concerto de Óscar Ibáñez co seu grupo. DP
photo_camera Un concerto de Óscar Ibáñez co seu grupo. DP

Óscar Ibáñez volve a Portugal. "Para min é un sitio moi especial. Levamos varios anos tocando alí en diferentes vilas. Sinto que cada vez nos abrimos máis cara Portugal. É unha porta de saída natural para a música galega", di. "Moitos artistas esfórzanse en facer presentacións en Madrid. Eu creo de verdade que sería máis efectivo para a música de raíz chegar a Oporto, por exemplo. É a nosa vía de saída máis importante e natural dende Galicia, polo idioma e polas afinidades culturais". 

Óscar Ibáñez & Tribo actuará en Braga o 19 de abril no que será a reinaguruación da VI Capital da Cultura do Eixo Atlántico, un acto que tivo lugar orixinalmente o ano pasado pero que, tras ter que cancelar a causa da pandemia o resto das programación, se decidiu reeditar este ano 2021.

"Este é para nós un concerto moi importante. Primeiro, porque é o primeiro dun ano que se presenta moi complexo e desgrazadamente moi semellante a 2020", explica. "Xa estamos en abril e os programadores ou seguen mantendo todo no aire ou seguen anunciando cancelacións de festivais e eventos". En segundo lugar, falando da relevancia da actuación, Ibáñez menciona a posibilidade que lle dá de saír de Galicia nun momento no que é difícil facelo. "Estamos encantadísimos de ter esta oportunidade de saír, de crear novo público e de amosar o noso traballo. Que mellor sitio que facelo nun espazo no que se vai celebrar a irmandade das nosas dúas culturas". Como destaca o gaiteiro, a súa actuación está encaixada no programa de Convergências Portugal/Galiza, no que o grupo anfitrión, Canto D'Aquí, convida a outro galego a dar un concerto. Neste caso será o de Óscar Ibáñez. "Invítanos a nós e a outro grupo, Bomboémia. Cada un fai a súa parte e, ademais, todos colaboramos entre nós. Aproveitando que estamos en Braga, eu convidei tamén q Daniel Pereira, cantor e intérprete do cavaquinho". 

ALTICE FORUM BRAGA. O concerto de Óscar Ibáñez & Tribo terá lugar ás 19.00 horas (hora portuguesa) no Altice Forum Braga. "Viaxaremos doce músicos e un técnico", indica. "Para todos é unha ilusión viaxar a Braga porque o futuro da música ao vivo non se presenta nada doado. E eu non podo pasar da metade da banda un par de anos e dicirlle que nos volvemos ver cando todo mellore, porque este grupo é a miña familia". 

Ademais de Óscar Ibáñez, a programación de Convergências Portugal/Galiza, que se desenvolverá entre o 19 de abril e o 9 de maio e se pode seguir por streaming, inclúe a presenza doutros artistas galegos como Quico Cadaval, Uxía Senlle e Furabolos. No acto inaugural do ano pasado o representante galego fora Sondeseu.

Comentarios