'Invisibles', un proxecto "valente" contra a violencia machista

A estrea da montaxe de Marián Bañobre inicia a campaña municipal do 25N en Pontevedra

Presentación da obra teatral invisibles. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Presentación da obra teatral invisibles. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Coa emoción na gorxa" chegou este venres a concelleira de Igualdade á presentación da campaña municipal do Día Internacional da Loita contra a Violencia Machista. Carme Fouces viña de compartir o ensaio xeral da obra de teatro Invisibles, baseada no libro do mesmo título de Montse Fajardo, coas auténticas protagonistas das sete historias que recolle a xornalista. Canda ela, unha das actrices da obra, Sheyla Fariña, que impulsou inicialmente o paso das páxinas de Fajardo á escena, e a directora do proxecto, Marián Bañobre, destacaron que o que teñen entre mans "é unha responsabilidade moi grande porque estamos representando historias reais".

A estrea teatral de Invisibles marca o inicio 25N que promove a Concellería de Igualdade. Trátase dun proxecto "valente, tan bonito como delicado", salientou Bañobre.

Xunto a Sheyla Fariña, dous grandes nomes, Mela Casal e Nieves Rodríguez, serán as encargadas de alzar a voz das sete protagonistas de Invisibles. "Son tres rangos de idade que amosan que non hai perfil de vítimas, todas podemos ser vítimas e todas podemos ser heroínas", explicou Sheyla Fariña. "Calquera de nós podemos ser vítimas da violencia de xénero e heroínas cando logramos saír dela", engadiu.

Tres son os piares que sustentan a posta en escena de Invisibles: Redrum Teatro Compañía, o Centro Dramático Galego (CDG) e o Concello. Na presentación participou tamén o produtor da obra, Guillermo Carbajo, así como Fefa Noia, directora do CDG.

Marián Bañobre explicou ademais o seu interese en que a representación recollera a esencia do libro e por iso intégranse na súa montaxe os sete relatos. "Dende o concreto fálase do universal", sinala Bañobre. Na obra hai traxedia e drama "pero nela cabe a ironía e o humor", indicou a directora.

Non é a primeira vez que se fala de malos tratos desde o escenario, explicaron. Talvez tampouco sexa a primeira vez que un elenco feminino retrata este tema sobre as táboas. "Non hai homes no escenario". Pero polo que sen dúbida será único é porque entre o público atoparanse as auténticas protagonistas. "Imos gritar basta xa á violencia machista", "contra a invisibilidade dos maltratadores".

ANTES DO #METOO. Ademais da representación de Invisibles, a campaña municipal do 25N inclúe a exposición fotográfica das obras do Obradoiro Namórate de ti na Casa da Luz. A actividade fíxose en colaboración coa Escola de Igualdade para á Mocidade a proposta do Centro de Información á Muller.

O Concello presentará o resultado do Informe #PrimAcoso, iniciativa desenvolvida hai dous anos a través das redes sociais e mediante a cal centos de mulleres relataban a primeira situación de acoso. Recolléronse daquela máis de 3.000 tuits e 1.000 mensaxes en Facebook, material que é a base dun estudo que será presentado nos vindeiros días.

O medo e a soidade dos nenos que sufren maltrato
A campaña do 25 de Novembro deste ano vai especialmente dedicada ós fillos e fillas das vítimas de maltrato. Por este motivo, a cartelería que se repartirá pola cidade (bandeirolas, mupis e unha gran pancarta que pendurará do balcón consistorial) pretende infundir o medo e a soidade que senten estes nenos. "Temos que solidarizarnos, temos que ser capaces de sentir ata fisicamente o que están sentindo moitos menores que teñen que ir, e as nais que teñen que deixar as súas crianzas, con eses homes maltratadores, aos que se lles mantén o dereito de ser pais", explicou a concelleira de Igualdade. "Cando se fai a eses nenos e nenas compartir a súa vida, aínda que sexan horas, cunha persoa violenta que maltrata a súa nai, independentemente do trato que ese señor teña con eles -que pode ser paternal e bo-, poucos valores importantes lle pode transmitir a esas crianzas", engadiu a concelleira, ao que engadiu que "avogamos abertamente pola prohibición expresa do contacto entre un maltratador e os seus fillos e fillas".

 

Comentarios