Jaione Camborda impartirá o obradoiro de Novos Cinemas

A cineasta, que prepara o seu debut na longametraxe, guiará o taller do festival e da UVigo
2019073013415489768
photo_camera A cineasta Jaione Camborda. NOVOS CINEMAS

Pendente da estrea da que será a súa primeira longametraxe, Arima, que podería producirse este ano, a cineasta Jaione Camborda (Donostia, 1983) será a encargada de impartir o obradoiro que ofrecerán conxuntamente, o vindeiro curso, o festival Novos Cinemas e a Universidade de Vigo (UVigo) no Campus de Pontevedra. O taller, que levará por título Habitar un rostro/O xesto dun encontro, desenvolverase ao longo de varias sesións nos meses de setembro, outubro e novembro.

A actividade, enmarcada no programa de formación do festival pontevedrés Aula, servirá para que os alumnos "exploren a idea de retrato na súa acepción máis ampla", indica Novos Cinemas. "Buscarase ir máis alá da representación do outro e apelarase ao encontro, ao diálogo fílmico".

LOS FENÓMENOS. Jaione Camborda, que ao longo da súa traxectoria ten colaborado como guionista ou directora de arte en filmes como Los fenómenos (Alfonso Zarauza, 2014) ou Las altas presiones (Ángel Santos, 2015), recolle o testigo de Eloy Enciso, Oliver Laxe ou Lois Patiño á fronte do obradoiro de Novos Cinemas e da UVigo. Formada en escolas de cinema de Praga e Múnich, en Galicia fundou a produtora Esnatu Zinema. Os seus filmes exhibíronse en máis de 40 festivais.

"Entre os obxectivos principais desta formación atópanse explorar o cinema como materia viva que expresa o xesto do autor e a súa relación co filmado, que o alumnado tome conciencia sobre as decisións éticas e estéticas nas súas propostas e practicar o traballo en grupo, o intercambio, a discusión e as dinámicas de exploración colectivas", explica o festival pontevedrés.

Os interesados en participar no obradoiro deberán cubrir a unha ficha de inscrición, que pode atoparse en www.novoscinemas.com. De entre todas as propostas, o equipo de Novos Cinemas seleccionará a dez aspirantes que prepararán cadansúa peza e posteriormente exhibirá o festival.

Comentarios