Kalandraka conta os seus contos online

A editorial pontevedresa incorpora á súa canle de televisión a sección 'Contos contados', na que autores e contadores como Xosé Ballesteros ou Bea Campos recrean títulos como 'O coelliño branco' ou 'A cebra Camila'
Xosé Ballesteros contando O coelliño branco
photo_camera Xosé Ballesteros contando 'O coelliño branco'

"Érase unha vez un coelliño branco que un día saíu da súa casa...". Así comeza o autor e director da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros, a contar O coelliño branco, un dos títulos de máis sona do selo pontevedrés, na sección Contos contados. A iniciativa, que reúne a autores e contadores para sesións de contacontos online, viu a luz o 16 de marzo en Kalandraka Tv, a canle que a editorial puxo en marcha en internet en 2018.

"Vivimos momentos excepcionais nos que as circunstancias requiren que permanezamos na casa", explica o selo, que se suma desta maneira ás numerosas iniciativas online xurdidas no ámbito cultural dende a declaración do estado de alerta por mor da expansión do coronavirus. "Dende Kalandraka queremos contribuír coa proposta Contos contados, na nosa canle de televisión dixital. Con esta sección pretendemos levar o amor polos libros e pola lectura a todos os fogares".

RELATOS E VERSOS. O selo explica que, entre os novos contidos desta sección, haberá contos tradicionais, relatos de creación, versos e melodías para prelectores, poemas recitados... "Uns, na voz das súas autoras e autores; outros, recreados por narradoras e narradores", Segundo os promotores da idea, o obxectivo é compartir estas historias coa familia, as amizades, o ámbito escolar... "Porque, nestes tempos, a palabra é máis necesaria ca nunca".

Tras Xosé Ballesteros contando O coelliño branco, unha adaptación dun conto popular portugués, fóronse colgando vídeos doutros autores e contadores. A actriz e contadora Bea Campos aparece poñéndolle voz a tres títulos: O poliño da abeleira, na adaptación deste conto tradicional que realizou Antonio Rubio con ilustracións de Gabriel Pacheco; Animais, tamén de Antonio Rubio, neste caso con ilustracións de Óscar Villán, e Unha última carta, obra gañadora do IX Premio Compostela.

Bea Campos lendo Animais
Bea Campos lendo 'Animais'
 

O 19 de marzo, Día do Pai, a educadora infantil Ana Abelenda leu P de Papá, e, ao día seguinte, en conmemoración do Día da Poesía, rescatouse un diálogo poético entre Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos.

Olalla González e a súa filla con Garavanciño
Olalla González e a súa filla con 'Garavanciño'
 

As dúas últimas contadas subidas á canle, desta mesma semana, son de A cebra Camila, a cargo da libreira Loli Blanco, e a de Garavanciño, a conta da contadora Olalla González acompañada pola súa filla Matilda.

Loli Blanco e A cebra Camila
Loli Blanco e 'A cebra Camila'

Comentarios