Lalín traballa para acoller a entrega dos premios Alecrín de Ouro

O 10 de agosto é a data prevista para o evento dos galardóns que outorga a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña
Begoña Blanco na xuntanza cos representantes de Fegalcalt e outras entidades. DP
photo_camera Begoña Blanco na xuntanza cos representantes de Fegalcalt e outras entidades. DP

A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, vén de desenvolver unha reunión coa directiva de Fegalcalt (Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña), coa idea de que Lalín acolla a entrega dos Premios Alecrín de Ouro 2021. Trátase duns prestixiosos galardóns que anualmente outorga a Fegalcalt en diferentes puntos estratéxicos e relevantes de Galicia para distinguir a persoas ou proxectos destacados en diferentes ámbitos da cultura galega. Blanco explica que o acto de entrega de premios nas diferentes categorías está previsto que se desenvolva o 10 de agosto no Salón Teatro, marcado polas distancias e protocolos de seguridade que se fagan necesarios.

Nesta primeira xuntanza co Concello de Lalín participou o presidente de Fegalcalt, Domingo Balboa; a secretaria, Marisol Pérez; o vicepresidente da A.C.G. Alborada da Llagosta, José Ramón Regueira, e o xerente da Casa do Patrón, Manuel Blanco.

A responsable municipal de Cultura indica que desde o Concello "colaboraremos deixando a sede e a infraestrutura necesaria para poder acoller estes galardóns" e avanza que este ano polo feito de celebrarse en Lalín tamén se darán dous premios a dúas entidades lalinenses. Será un evento que teña destacada repercusión ademais de mediática tamén na vida do pobo, xa que significará movemento nos hoteis, restaurantes e tendas ao longo desa xornada, posto que en condicións normais, reúne á práctica totalidade dos directivos dos centros galegos en Cataluña.

Entre a nómina de premiados co Alecrín en anteriores edicións atópanse Antón Lamazares; a Banda A Lira de Ribadavia; a Fundación Vicente Risco; Óscar Pereiro; a cantante Uxía; Xosé Luís Franco Grande; Margarita Ledo Andión, Moncho Borrajo; Lucía Pérez; Xosé Vizoso; José Manuel Parada; Guadi Galego ou Oliver Laxe, entre outros moitos.

Comentarios