As 'Antenas de Ouro' recoñecen o labor de 'Informe Semanal'

O xornalista lucense Jenaro Castro e o equipo que está baixo as súas ordes en Informe Semanal están de parabéns. E é que a Federación de Asociacións de Radio e Televisión de España concedeu ao veterano espazo de TVE unha das súas Antenas de Ouro. Deste xeito, será a segunda ocasión na que Castro, natural de Pol e colaborador de El Progreso, recolla o citado galardón, xa que en 2009 foille concedido en recoñecemento a toda a súa traxectoria. O presentador galego está á fronte do programa, un dos buques insignia do ente, desde agosto de 2012, responsabilidade que compatibiliza coa de Director de Informativos Non Diarios da canle pública.

Entre os premiados* desta edición destacan, ademais, outros nomes como Paco González, José Luis Garci, Miguel Ángel Oliver, a serie Cuéntame, José Ramón Pardo, o socialista Pedro Sánchez ou a ministra Ana Pastor. Os galardóns entregaranse o próximo 22 de novembro nunha gala que acollerá o Gran Casino de Aranxuez.

Sobre Jenaro Castro
É Licenciado en Ciencias da Información, Xornalismo, pola Universidade Complutense de Madrid. Iniciou a súa carreira profesional na Cadena SER onde formou parte do equipo de programas como Hora 25 e Hoy por hoy. Tamén foi director adxunto do Informativo 22 Horas e do programa Así es la vida. Posteriormente, recalou na Cadena Cope onde foi director dos Informativos de Fin de Semana e redactor do programa Protagonistas. Desde 1990 está en Televisión Española, onde desenvolveu unha dilatada carreira en todo tipo de formatos. Pertenceu ao equipo do programa Por la mañana, pioneiro dos espazos matinais televisivos, dirixido e presentado por Jesús Hermida. Foi editor e presentador de Diario de Noche, do Telediario matinal e do resto de Telediarios, incluídos os da fin de semana. Dirixiu e conduciu programas Especiais Informativos editados con motivo do asasinato de Miguel Ángel Blanco, a liberación de Ortega Lara, o 11-S ou o 11-M. Antes de facerse cargo dos informativos non diarios de TVE e da dirección de Informe Semanal, posto que ocupa na actualidade, dirixía e presentaba Semanal 24 Horas.

*A lista completa de premiados

Apartado de Radio:

         Radio 5, Todo Noticias, de Radio Nacional nos seus vinte anos de posta en antena.

         Javier del Pino, da Cadena Ser, director e presentador.

         Paco González, da Cadena COPE, director de Tiempo de Juego.

         Pilar Cernuda, de Onda Cero, pola súa actividade como interlocutora de varios programas.

         José Luis Garci, de EsRadio, pola súa colaboración nos programas cinematográfico e deportivo.

 

Apartado de Televisión:

         Informe Semanal, de TVE, na persoa do seu director Jenaro Castro.

         Vicente Vallés, de Antena 3, director e presentador de informativo das 15.

         Miguel Ángel Oliver, de Cuatro, pola súa ampla traxectoria en Informativos.

         Equipo de Retransmisión do Campionato do Mundo de Motociclismo, de Telecinco.

         Patricia Betancort, de 13 TV, presentadora de Detrás de la verdad.

         Gloria Serra, de La Sexta, directora e presentadora de Equipo de Investigación.

         Serie Cuéntame, de TVE.

 

Traxectoria profesional:

José Ramón Pardo

Juan Roldán 

Dixital:

Fórmula TV

Ciencia:

Fundación Fernández Vega, en recoñecemento ao seu labor de investigación e humanitaria con desfavorecidos de distintos países.

Tauromaquia:

Novilleiros colombianos en folga de fame durante máis dun mes, pola negativa do alcalde de Bogotá a reabrir a praza de touros a pesar do ditame do Tribunal Supremo de Xustiza.

Arte:

Albert Boadella, director dos Teatros delCanal, e a soprano Pilar Jurado.

Gastronomía:

Castillo de la Flor de Lys, de Olmillos de Sasamón, polo seu esforzo na recuperación da comida tradicional castelá.

Extraordinarias:

Carmelo Calvo, director de Comunicación de RENFE.

Publipunto.com, pola orixinalidade dos seus programas comerciais en Atresmedia, na persoa do seu director Ramiro López.

Envera, polo seu impresionante labor solidario con centenares de discapacitados de Iberia.

UCAM TVE, da Universidade Católica de San Antonio. da Rexión de Murcia, pola súa contribución á formación de novos profesionais.

Política:

      Ana Pastor, ministra de Fomento, e Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE.

 

Comentarios