Ledicia Costas asinará exemplares de 'Pel de cordeiro' na tenda de esoterismo Aquelarre

A escritora estará o 22 de maio no local de Loureiro Crespo e volverá á cidade o 7 de xullo para a Festa dos Libros
 
A escritora Ledicia Costas nunha visita ao IES Sánchez Cantón en 2021. DAVID FREIRE
photo_camera A escritora Ledicia Costas nunha visita ao IES Sánchez Cantón en 2021. DAVID FREIRE

A escritora viguesa Ledicia Costas, que vén de publicar a súa nova novela, Pel de cordeiro (Xerais, 2024), estará asinando exemplares deste título o 22 de maio (19.00 horas) en Pontevedra. Será na tenda de esoterismo Aquelarre, que rexenta María Diz na rúa Loureiro Crespo.

Diz encargouse de elaborar para a editorial Xerais, no seu día, os amuletos que acompañaron nunha caixiña o lanzamento promocional dos dous primeiros capítulos de Pel de cordeiro. "O talismán consistía nun feixe de pólas de ruda secas atadas cun cordón vermello e unha figa protectora para achegar ás lectoras o tema principal da novela: a maxia e a bruxería", explica o selo. 

Pel de cordeiro é o terceiro título de narrativa longa para adultos que asina Ledicia Costas. Anteriormente publicara, tamén con Xerais, Infamia (2019) e Golpes de luz (2021). Segundo a editorial, neste título, a autora conecta as historias dunha bruxa nos tempos da Inquisición e dunha muller da actualidade que "entra en contacto cunhas forzas que non comprende". "Ledicia Costas afonda no espertar sexual, na violencia e na maxia con grandes doses de fantasía", indica Xerais. "Unha novela hipnótica, que explora o erotismo e a escuridade e nos envolve nunha atmosfera tan terrible como preciosa".

Tras esta sinatura da semana que vén, Ledicia Costas ten previsto volver a Pontevedra no verán. Farao para participar na Festa dos Libros, que as librerías da cidade celebrarán na primeira semana de xullo na Praza da Ferrería.

Con María Varela

Segundo anunciou a propia autora nas redes sociais, ela estará nesta festa en concreto o 7 de xullo, nun acto no que estará acompañada pola xornalista de Diario de Pontevedra María Varela e polo director de Xerais, Fran Alonso.

Con este encontro co público en Pontevedra, a autora pechará a primeira parte das presentacións da súa novela en Galicia, que comezaron o 10 de maio no Marco de Vigo, onde estivo acompañada por Amaro Ferreiro, e continuaron na Feira do libro de Lugo, xunto a Lois Pérez. Tamén estará na Coruña (23 de maio), Ferrol (24), Ribadeo (26), Ourense (28) e Bueu (19 de xuño).

Comentarios