"A literatura que vén terá autoficción, xente que reflexiona sobre a propia vida"

Novo curso da Escola de Letras que dirixe Francisco Castro ► Ganas de escribir e a creatividade en tempos de covid
Francisco Castro. DP
photo_camera Francisco Castro. DP

O director da editorial Galaxia e escritor Francisco Castro (Teis, 1966), é tamén o impulsor da Escola das Letras que desde o pasado mes de xuño está a impartir distintos cursos de escrita da man da Deputación de Pontevedra cun gran éxito de convocatoria. "Esgotáronse as prazas en cuestión de horas", di orgulloso Castro ao outro lado do teléfono. "Nin sequera foi necesario esgotar un día. Todos os obradoiros do ano estaban completos e cunha lista de agarda de máis de 200 persoas".

A que atribúe o éxito da nova Escola de Letras?

A palabra éxito non vale, foi unha sorpresa marabillosa.

Como nace a idea de crear unha Escola de Letras? Tiñamos tantas ganas de escribir?

A escola nace do convencemento de que hai moitas persoas que están desexando escribir e mellorar a súa escrita. Ese foi o planteamento co que entrei un día na Deputación. Logo está a frustración -entre aspas- da xente que non puido entrar. Hai que ter en conta o nivel do claustro, primeiras espadas da literatura galega, o feito de ofrecer uha actividade con persoas coñecidas que publican en Galicia con recoñementos internacionais, traducidas a distintos idiomas, foi unha garantía. E logo tamén o feito que se lle dea forma de escola, cunha master class, con encontros virtuais... A mestura de todos eses elementos explica o éxito e que moita xente xa non está preguntando polo ano que vén.

Haberá novas convocatorias logo.

A escola nace con vocación de permanencia. Os cursos que se programen este ano terán o ano que vén o de perfeccionamento. O seu é que fagan os de segundo nivel ou de perfeccionamento os que este ano están no de iniciación. Logo nos adentraremos en cursos de creación literaria e logo relato e novela para ir subindo gradualmente.

O estado da literatura galega é extraordinario, outra cousa é o mundo editorial: pasounos por riba unha tsunami

Fálenos deses primeiros espadas que están a impartir os cursos.

Francisco Castro, ademais de ser o director da escola, é escritor de longa traxectoria, que non quere dicir que sexa moi maior (ri). Moitos deles queren facer carreira e eu creo que, ademais do que poida transmitir como narrador, podo ensinarlles como presentar un orixinal, como presentarse a unha editorial. Algo que Galaxia pode dar. Inma López Silva é unha das grandes ecritoras actuais, moi recoñecida no resto do estado. Publica en Lumen, demostrando o recoñecemento que ten dentro e fóra de Galicia. Diego Giráldez aínda non ten unha gran cantidade de libros, pero xa demostrou que é unha grandísima voz singular e representa esa ollada diferente. Antonio García Teijeiro, premio Nacional de Literatura, leva traballando o dicir poético durante décadas. Entre os catro facemos un claustro con moito que ofrecer.

Durante o confinamento houbo máis tempo para escribir. Como será a literatura que naza da pandemia? De que se está a escribir?

A pandemia obrigounos a mirar a todos para dentro. O feito de estar confinados, de non saír, de relacionarnos menos tivo ese efecto. Nós somos de pel, necesitamos o bar, o contacto... Todo iso vai explicar que o ano que vén teñamos moito tempo para autoficción, moita literatura de xente que reflexiona sobre a memoria, a propia vida.

Segue a gozar de boa saúde a literatura galega?

Levo anos dicindo que o estado da literatura galega é extraordinario. Remítome ós datos. Son moitos os autores que escribindo orixinalmente en galego gozan dun gran recoñecemento internacional. No meu caso, por exemplo, modestia á parte, nos vindeiros meses verei que os meus libros saian traducións en brasileiro, en serbio...

Hai que reclamarlles ás administracións que non nos deixen espidos no medio do temporal

Outra cousa é a situación a nivel editorial, non?

Claro. No mundo editorial a situación está sendo durísima. Pasounos por riba unha tsunami. Durante meses as librerías e centros de ensino pecharon. Eses son os nosos grandes mercados e a día de hoxe a xente non entra como entraba en ningures. Hai un medo atroz a entrar en lugares. Un medio como o noso que depende moito do encontro, do día a día... Non poder facer presentacións ou facelas con aforo limitado fainos moito dano. Temos que facer unha vez máis un chamamento ás administracións para que coiden da cultura. Demostrouse no confinamento que a cultura a música, a Internet, os libros e a lectura tiveron un papel fundamental. Hai que reclamarlle ás administracións que non nos deixen espidos no medio do temporal. Por outra banda, a xente é fundamental. Os escritores, actores e actrices... Todos facemos o noso traballo para o noso público. E hai que ter en conta que a cultura é segura. Non somos inconscientes, cada acto que organizamos faise con todas as medidas de seguridade, hai que ir reivindicando unha normalidade.

Vostede pouco antes de pandemia presentou un novo libro, Tantos anos de silencio, que tamén está a ter moi boa acollida.

Presentouse in extremis unhas semanas antes de confinarnos. Iso afectounos moito na promoción. Tiña que ter presentacións por moitos lugares de España. Malia todo iso o libro está funcionando moi ben. Esta novela saiu en catro linguas o mesmo día, en eúscaro, catalán,castelán e galego e en todas partes está a ter unha boa acollida.

Saber Más

O día 18 de novembro, ás 19.00 horas, Francisco Castro, ó abeiro da Escola de Letras, impartirá online unha Masterclass da Escola de Letras que levará por título Por que escribo? Por que necesitamos historias? aberta ao público.

Comentarios