Loito nas letras galegas polo pasamento do escritor e académico Xosé Fernández Ferreiro

Foi un dos fundadores do grupo Brais Pinto e gañou en 1991 o Premio Xerais
Xosé Fernández Ferreiro (derecha), antes de dar su discurso al ingresar en la RAG
photo_camera Xosé Fernández Ferreiro (derecha), antes de dar su discurso al ingresar en la RAG

Diferentes institucións galegas e colectivos sumáronse ás mostras de consternación polo falecemento do escritor galego, natural de Nogueira de Ramuín (Ourense), Xosé Fernández Ferreiro, membro da Real Academia Galega (RAG).

É, ademais, un dos fundadores do grupo Brais Pinto e autor de numerosas publicacións como novelista e tamén nos medios de comunicación.

En concreto, a Real Academia Galega manifestou o seu "fondo pesar" pola morte de Fernández Ferreiro. Actualmente, na institución ondea a bandeira galega "a media hasta" en sinal de loito.

A capela ardente do académico está instalada no tanatorio Albia, na Grela (A Coruña), onde se lle renderá homenaxe este venres ás 15.15 horas. No acto cívico intervirán amigos e compañeiros, entre eles o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.

Entre as súas obras, a RAG puxo en valor o seu primeiro poemario en galego, 'Ribeirana do Sil', publicado en 1952, época na que practicamente ninguén escribía neste idioma, apuntou o presidente desta institución, Xesús Alonso Montero.

O máximo representante da RAG situou a Ferreiro como "un pioneiro como cultivador do galego do momento. A súa carreira como escritor tería continuidade en 1975 coa publicación de 'A morte de Frank González', a primeira novela de vaqueiros en galego e 'Morrer en Castrelo do Miño' (1978), unha das súas mellores obras que narra a historia da loita dos campesiños contra o encoro construído nesa vila. A novela realiza unha "denuncia ao asoballamiento que sufriron os campesiños do val de Castrelo de Miño". Completan a súa bibliografía obras como 'A saga do afiador' (1980), que recolle o idioma dos afiadores, o barallete, xerga -indicou Montero- que Fernández Ferreiro "chegou a coñecer ben".

A RAG destacou ademais dentro do seu labor como xornalista a consecución do Premio Galicia de Xornalismo en 1985. O propio Manuel Rivas definiulle como "un afiador" das letras e destacou o seu realismo crítico.

Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) ingresou na Real Academia Galega en marzo de 2013 cun discurso titulado "Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas". Ferreiro ocupaba a vacante deixada por Francisco Fernández del Riego.

Tras o seu paso pola asociación da prensa en 1969, dedicouse ao xornalismo en distintos medios (La Noche, El Correo Gallego e La Voz de Galicia). Ademais, foi fundador do grupo literario ao que deu nome un popular afiador, Brais Pinto, que se creou en Madrid en 1958 e que aglutinou a xente da esquerda nacionalista como Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, César Arias, Herminio Barreiro, Xosé Alexandre Cribeiro e Xosé Ramón Fernández-Oxea, entre outros.

O escritor recibiu o Premio Xerais en 1991 por unha das súas obras máis coñecidas, 'Morrer en Castrelo de Miño'.

Comentarios