Lucía Estévez, realizadora audiovisual: "Gústame que o que fago fale por min"

Xan é un rapaz de poucas palabras, con gorro de la, que observa a realidade con pasmo e que vén de facerlle gañar un Mestre Mateo a Lucía Estévez. O de mellor webserie
Lucía Estévez (Vigo, 1994) co seu Mestre Mateo. DAVID PORTELA
photo_camera Lucía Estévez (Vigo, 1994) co seu Mestre Mateo. DAVID PORTELA

A súa primeira webserie e xa gaña o Mestre Mateo.
Esta é a primeira que fago a nivel profesional. Pero na Universidade xa dirixira outra dentro duns cursos de verán que se desenvolvían en Celanova, Prevenidos.

Que significou para vostede facerse con este premio?
Fíxome moita ilusión. O proxecto naceu ademais hai xusto dous anos, nun momento súper necesario para min a nivel vital e profesional. Chegou da man de Miguel [Canalejo], que é moi amigo meu. Os dous tiñamos esa necesidade de facer cousas xuntos e de explorar dende outros lugares. É un premio moi importante. Non digo necesario, digo importante. Polo que significa para min e polo que significan as series web en Galicia.

Un formato que debería ter maior consideración?
É un formato de exploración súper necesario, un espazo no que poder facer cousas. Por primeira vez este ano, a Agadic convocou axudas ao talento para series web. Isto significa que se comeza a prestar atención a este tipo de formatos, que parece que non teñen un percorrido tan ‘elegante’ como as curtas ou as longas. Fáloche de festivais ou de estreas en salas. Parece que todo o que vai para internet, para Youtube concretamente, é un contido menor. E é verdade que en Youtube cabe todo, pero igualmente é imprescindible comezar a pensar dende outros lugares. En Galicia son moi necesarios os contidos audiovisuais dixitais.

A dos Mestre Mateo foi este ano unha gala rara por mor da pandemia e tamén unha gala marcada polas reivindicacións feministas.
Coincidiu que acababa de pasar o do Land Rober e o tema estaba moi presente [no programa da TVG, o xoves 8 de abril, presionouse publicamente a unha rapaza para que volvera coa súa exparella]. Desgrazadamente isto é algo que leva pasando moito tempo e parece que ten que chegar ao extremo [a moza revelou no programa que sufrira acoso por parte do rapaz] para que nos decatemos de que sucede. A min si que me gustou moito o que dixemos todas as mulleres que subimos, que fomos moitas. Si que sentín que algo está cambiando para ben. Demostrouse que as mulleres estamos aí e que temos que estar.

"Teño a sensación de que a xeración Xabarín cada vez se está a facer notar máis. A vida pasa e nós xa estamos aquí"

Precisamente en Xan, unha serie marcada polo humor, tratan temas como o feminismo, a liberdade de expresión, a liberdade sexual, o racismo... Foi difícil atopar o equilibrio entre a risa e a reflexión?
Esa era a intención que tiñamos: explorar dende o humor, con todo o respecto que hai que ter polo xénero da comedia, temas que nos preocupan. Mira, a min gústame que o que fago fale por min. Teño falado con Miguel moitísimo deste tema e os dous estamos de acordo niso. O noso discurso é claro nese sentido, así que estamos moi tranquilos. Un dos nosos obxectivos era ese: falar sobre os colectivos minorizados, sobre a xenofobia e a intolerencia. Teño a sensación de que a xeración Xabarín cada vez se está a facer notar máis, de que cada vez é máis evidente que a vida pasa e que nós xa estamos aquí. Estamos medrando e as cousas teñen que cambiar. Volvemos ao que falabamos ao principio sobre a consideración das series web: para min o noso premio é exactamente igual ao de mellor película ou ao de mellor dirección.

Foi moi difícil este man a man con Miguel Canalejo?
Houbo crises, claro, como en todas as parellas creativas. Foi unha aprendizaxe. Esta era a primeira vez que eu dirixía algo que escribía outra persoa. Así que traballamos en equipo e tratamos de chegar a acordos. Hai que pensar por e para o proxecto, meter na cabeza que é máis grande que calquera. E foi moi guai. De feito, agora estamos preparando outra cousa xuntos e a idea é seguir así.

Así que vai haber máis Estévez & Canalejo.
Iso de Estévez & Canalejo empezou como unha coña e xa quedou.

Xa é raro atopar un produto audiovisual no que o protagonista non diga nin unha soa palabra.
Ocorréusenos un pouco aos dous, aínda que o escribiu Miguel: el é o guionista. Miguel ten unha ollada moi especial. Gústame moito o lugar dende o que quere contar as historias. Xan non fala porque queriamos que funcionase como un nexo co espectador, como un cómplice. Máis que un personaxe é un estado. Por iso traballamos tamén dende ese punto surreal.

Vostede formouse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Foi unha experiencia importante?
Si, si que o foi. Entrei moi perdida na facultade. Fixera o Bacharelato de Artes en Vigo e estaba interesada na fotografía. Pero no campus, onde te atopas con tanta información sobre tantas cousas, foi onde descubrín que o que quería era dirixir. Entrei cunha cousa na cabeza e saín con outra completamente diferente. Levei moitas cousas de Pontevedra e tamén do Erasmus en Oporto, que foi unha oportunidade moi chula, porque o grao alí está considerado dentro das artes e aquí dentro das ciencias sociais. Hai unha gran diferenza.

Así que non sempre quixo ser cineasta, pero agora si que quere.
Non sabía que quería. Sabía que había algo que me chamaba dende ese lugar, pero non o descubrín ata terceiro de carreira.

E que atopou no audiovisual que non atopou noutro campo?
Non sei... Nin sequera sei se sempre me adicarei ao audiovisual, pero agora mesmo si que teño claro que é dende onde quero compartirme e estar. Creo que o que máis me gusta é que hai unha gran liberdade.

Comentarios