O escritor pontevedrés Manel Loureiro: "Eu isto xa o vivín"

O escritor pontevedrés xa imaxinou unha Pontevedra estraña e baleira en Apocalipsis Z. Tamén describiu un mundo no que a xente maior se infectaba e só sobrevivían os máis novos en Veinte
PON0609P10F2
photo_camera O escritor pontevedrés Manel Loureiro. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)

Os lectores dos libros de Manel Loureiro (Pontevedra, 1975) poden ter estes días unha sensación de déjà vu. Dinllo a el a cotío nas redes sociais. E é que moito do que se está a vivir estes días aparece nas súas novelas. Esta Pontevedra estraña e baleira xa existíu no seu debut literario, Apocalipsis Z, e el xa imaxinara unha infección que se cebaba coa xente maior e deixaba un mundo só poboado por mozos en Veinte. Si, a realidade ás veces supera á ficción.

"Aínda que, polo de agora, non haxa ningún chino que se erguese da tumba e comezase a comer cerebros", bromea o escritor, facendo referencia a que Apocalipsis Z era unha triloxía protagonizada por zombies. "Tamén che digo que como pase, o coronavirus será o menor dos nosos problemas".

Con todo, Manel Loureiro recoñece que a súa ficción adiantou moitas cousas. "Si, é certo, podo dicir que eu isto xa o vivín. Pero de mentira, de forma novelada". O autor conta que cando comezou a escribir Apocalipsis Z, o primeiro que fixo foi mirar como eran os programas de resposta sanitaria a alertas e catástrofes. "Proxectar o que ía pasar non era excesivamente difícil. Hai determinados comportamentos humanos que son iguais en todo o mundo: o medo, o egoísmo... E en calquera época. Porque isto xa sucedeu noutros momentos da historia. Durante a peste negra, o principal problema en Europa era cando alguén saía enfermo dunha cidade e chegaba a outra. Exactamente o mesmo que acaba de suceder agora".

"Nas redes sociais aparece moito dramiña persoal. Hai quen leva cinco días na casa e parece que é Ana Frank"

Igualmente, Loureiro indica que estes momentos críticos sacan o mellor do ser humano. "O que está facendo o persoal sanitario é para quitar o sombreiro. É xente que está caendo rendida no traballo e que vai estar ahí loitando ata o final".

TOMAR PERSPECTIVA. "Dalgunha maneira, non me anticipei a nada. O único que fixen foi ollar cara atrás e proxectalo cara adiante", comenta o escritor, que pasa a corentena xunto á súa muller e aos seus fillos pequenos, na súa casa. "Unha cousa boa que vai ter todo isto é que nos vai servir para tomar pespectiva", di. "Hoxe, colles un periódico de hai apenas 15 días, les os titulares, e quedas sorprendido das parvadas que naquel momento eran importantísimas, sobre as que todos discutiamos e estabamos preocupadísimos. É alucinante. É algo que me deixa tolo. Penso que esta situación debería servir para axudarnos a ser máis conscientes do fráxiles que somos".

Manel Loureiro di que esta crise tamén vai axudar a retratar a unha xeración. E igual que hai persoas, como as que traballan nos hospitais, que van saír moi reforzadas, outras non van saír moi ben paradas. "As redes sociais permítenche comprobar que hai moito personaxe que vive o seu pequeno dramiña persoal. A ver, que hai algún que leva cinco días pechado na súa casa e parece que é Ana Frank ou que está no gueto de Varsovia. Cando levemos 15 días non sei como van estar. E non digamos nun mes".

O autor tamén comenta divertido a ansiedade que temos por facer cousas. "Temos unha axenda de balcón como nunca na vida. A tal hora, aplausos; a tal hora, tocar a trompeta; a tal hora, cantar non sei que", indica. "Non sabemos aburrirnos. Sobre todo os máis novos".

"Somos unha xeración moi brandiña. E eu inclúome. Como nos vaia mal Netflix un par de horas é a fin do mundo"

O autor pontevedrés cre que houbo outras épocas nas que o ser humano sabía ben o que eran as privacións, o sufrimento e a resilencia. "Somos unha xeración, e eu inclúome tamén, moi brandiña. Como nos vaia mal Netflix un par de horas é a fin do mundo. E se nos cortan internet, volvémonos tolos. Somos incapaces de sobrevivir! Que me estás contando? Que teño que coller un libro? Que teño que falar coa veciña?".

Aínda que a Pontevedra destes días recorde a de Apocalipsis Z, o escritor cre que a situación actual ten máis que ver con Veinte. Pero podía imaxinar que chegaría a vivir unha alerta sanitaria deste tipo? "En realidade sabía que a viviría. Porque cando me documentaba para escribir esa novela en 2017 e entrei en contacto co Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades de Atlanta (CDC) e co seu homólogo ruso preguntei se existía a posibilidade de que se dése unha pandemia mundial. Nos dous sitios me dixeron o mesmo: non é que exista a posibilidade, é que vai suceder seguro. Non sabemos cando nin como. Só que é seguro que sucederá. E efectivamente pasou".

CIENCIA. Loureiro di que vaticinar este tipo de pandemias non é algo extraordinario. Fixérono científicos, investigadores e creadores. "Non é que eu soubera que isto ía suceder porque son súper listo, é que mo dixo xente que o sabía. Porque en realidade este tipo de pandemias son cíclicas. Xa sucedeu antes, aí está a gripe española de 1918, e volverá pasar seguro. Á nosa xeración non lle tocara aínda e aquí está. A dos meus fillos probablemente viva outras", comenta.

"A diferenza é que nós afortunadamente podemos enfrontalas doutra maneira a como se facía na Idade Media, rezando e facéndolle caso a un tipo cunha máscara de corvom grazas á ciencia".

O escritor di que a súa profesión lle permite vivir a corentena con certa filosofía. "Poucos oficios máis preparados para esta situación que o meu, no que me pasas meses pechado traballando nunha novela", confesa. "Agora mesmo estou coas correccións da próxima, que agardo que saia á volta do verán". E é este un momento inspirador? "Por suposto! Estou seguro de que de todo isto sairán historias boísimas".

Mentres tanto aconsella ter paciencia porque prevé unha realidade inmediata difícil. "Eu creo de verdade que veñen semanas moi duras. E isto non é ser un alarmista, é ser realista. Vai morrer moita xente. Ímolo pasar mal. A situación vaise endurecer. Pero tamén estou seguro de que pode ser para ben. Porque imos saír desta".