viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

Mapa da poesía galega novísima

Portada do volume Poesía Galega Novísima
Portada do volume Poesía Galega Novísima
O escritor pontevedrés Marcus Daniel Cabada coordina para Urutau un volume de máis de 200 páxinas que recompila o traballo de 33 poetas menores de 30 anos

"O motivo principal deste volume, a súa esencia, é a vontade real destes autores e autoras de loitar contras as violencias. De todo tipo: dende as máis sutís, como poderían ser o paternalismo e os prexuízos contra a escrita dos máis novos, ata as máis evidentes, como poderían ser as que sofren as mulleres ou as transfóbicas", explica Marcus Daniel Cabada. O escritor é o coordinador do volume Poesía galega novísima, que publicará a editorial Urutau cara o Nadal e que reúne obras de 33 poetas galegos menores de 30 anos. Os pontevedreses Tamara Andrés, Diego Bará e Carlota Corredoira forman parte desta selección que inclúe nomes xa recoñecidos con outros que teñen obra inédita. Entre outros: Afonso Traficante, Arancha Nogueira, Alexandre Fernández, Celia Parra, Antón Blanco, Helena Salgueiro e Carlos Lixó,

"É un libro coral de moitas voces novas, unha especie de mapa que non quere entrar en valorar supostos xeracionais", explica Cabada, que indica que o volume superará as 200 páxinas. "Quero dicir que non buscamos definir unha xeración. Máis ben ao contrario, na obra queda constancia de que o único que os une é o tempo: todos naceron entre 1989 e 2001. Polo demais teñen intereses diferentes e variados. Empregar algunhas similitudes que se poden atopar entre eles para definir unha xeración, neste caso, resulta definitivamente superfluo e arriscado".

Poesía galega novísima está en prevenda ata o 10 de decembro na web da editora Urutau (editoraurutau.com.br) baixo o prezo de 14 euros

Poesía galega novísima é un proxecto que naceu hai máis de ano e medio dunha conversa entre Cabada e o editor de Urutau, Wladimir Vaz. "Falabamos precisamente da gran variedade de voces poéticas que se atopaban agora mesmo nun espazo tan comprimido como o galego", di o coordinador do volume. "Nese momento xa falamos da posibilidade de reunilas, pero distintas complicacións derivadas da situación actual foron atrasando a saída do libro".

Cabada confirma que a obra vai reunir a autores con xa certa proxección con outros que non publicaron aínda. "É unha das curiosidades do volume, que nel conviven dende autores aínda inéditos, con outros que xa publicaron varios títulos. Conseguimos unha convivencia moi interesante que reflicte a diversidade real. Porque hoxe nin sequera é necesario ter publicado para ser considerado escritor".

continuidade. Ao coordinador de Poesía galega novísima gustaríalle que a obra acadase continuidade e se fose actualizando cada certo tempo. "Sería un xeito moi interesante ir rexistrando o que facemos, de xerar unha especie de diálogo entre o que somos como poetas, o que escribimos e por que o escribimos". Segundo di, algo que marca a poética contemporánea é a hibridación constante con outras artes e outras maneiras de comunicar. "Volvemos ao que comentabamos antes: hoxe non é necesario ter publicado un libro para ser poeta. Existen moitos modos de facer literatura. Pódese escribir ou facer performance, poesía oral ou mesmo traballar nas redes sociais. Outra reflexión interesante é: lemos igual o que atopamos sobre papel e o que atopamos en Instagram?".

Poesía galega novísima está en prevenda ata o 10 de decembro na web da editora Urutau (editoraurutau.com.br) baixo o prezo de 14 euros.

Mapa da poesía galega novísima
comentarios
ç