Margarita Ledo homenaxea as mulleres que reivindican os seus dereitos en 'Nación'

A película, que leva ás pantallas a loita das traballadoras de Pontesa, estréase este venres en salas de toda España
Margarita Ledo Andión. DAVID FERNÁNDEZ (Efe)
photo_camera Margarita Ledo Andión. DAVID FERNÁNDEZ (Efe)

A escritora, cineasta e profesora Margarita Ledo levou este mércores á gran pantalla na Coruña a reivindicación dun grupo de traballadoras que se converteron nun referente da loita polos dereitos femininos, que homenaxea na súa película Nación. Tras esta preestrea, chega o venres ás salas de cine de toda España, incluído Cinexpo en Pontevedra.

Nación, unha obra de non ficción, aínda que non exactamente un documental, aborda a historia real dun grupo de empregadas que, dúas décadas despois de perder o seu traballo nunha fábrica de Galicia, segue pelexando nos xulgados para recuperar os salarios que deixaron de pagarlles, preto de 2,5 millóns de euros. É a quebra do Grupo de Empresas Álvarez e o peche de Pontesa, detrás da cal latexa a historia de moitas outras mulleres que viviron baixo a represión sexista durante o franquismo.

Ledo (Castro de Rei, 1951), escritora, catedrática de Comunicación Audiovisual e membro da Real Academia Galega, explica a Efe que a comezos dos anos sesenta un empresario decidiu montar unha macrofábrica dedicada á louza, e que nela comezan a traballar centenares de mulleres que, ata entón, permaneceran lonxe do traballo remunerado.

Facían longas quendas e trataban de compaxinar o seu emprego cos labores domésticos ou dar de mamar aos seus fillos; ás veces, explica Ledo, en condicións case de semiescravitude, pero aqueles soldos, por pequenos e difíciles que fosen de conseguir, era o seu modo de dicirlle ao mundo que existían.

A película é candidata aos premios Mestre Mateo a mellor documental e música orixinal

Cando presentou o seu primeiro documental en 2004, Santa liberdade, xa estaba "preocupada" por contar desde un prisma diferente: unir poesía, documento e reflexión histórica. E Nación é a culminación desta idea.

"A parte poética axúdanos moito a explicar asuntos dos que non hai constatación, porque non forman parte do real, se iso entendémolo por aquilo que podemos tocar coa man. Pero aquí son os medos —indica—, a perda da autoestima, do traballo asalariado, que é o que che dá a capacidade de ser cidadá e dereitos". "Quería que palpitase na pantalla esa perda terrible. E ás veces o modo de que palpite é poñelo no corpo de actrices", destaca.

Por iso, engade, esta película é "de sororidade fílmica, busca a sororidade na pantalla, tamén desde o presente". Un presente ao que pon voz unha muller maior, extraballadora de Pontesa cando pide a cámara, primeiro, por favor, que ningunha muller traballe gratis, e logo cun rabioso "á merda", cuxo eco Ledo escoita hoxe en blogues de mulleres novas coas que ás veces colabora.

Séntese orgullosa e, á vez, di a Efe que "é isto o que quero facer" coa súa película, este "á merda". "É que ese berro é un 'non nos resignamos' e 'non pasamos xa por iso'. E segue sendo un perigo actual, porque estamos a caer nun abismo do que vai ser moi difícil saír, a nivel incluso de posición persoal", advirte.

Cos escritos e a filosofía de Margherite Duras como guía, Ledo reivindica as mulleres que "nunca tiveron onde gritar, e se o facían, ese berro quedaba representado a través da histeria ou como endemoniadas".

Por iso recuperou materiais de morte, imaxes de cemiterios e fosas, de represión 'coa marca do sexismo' como os pelos rapados, explica.

A poesía cómese a película no seu tramo final onde a creadora mestura imaxes históricas de arquivo co xuízo real das traballadoras, que chegou vinte anos máis tarde do peche e que aínda non terminou, porque se recorreu a sentenza. "É unha resistencia para non deixarse vencer, aínda que o teñan todo perdido", resume. 

Alerta de novos "veos" do feminismo
A investigadora, pensadora e cineasta advirte na súa entrevista a Efe dos "novos veos" que embazan o feminismo e o enchen de "trampas" que levan á involución.

"Hai moita moza conformista, e creo que ten que ver coa precariedade material, con carencias que te levan tamén a unha precariedade emotiva e a non saber ben que facer cos teus afectos, nin coa organización da túa vida. Isto é unha involución fortísima e son estes novos veos os que nos fan ir cara atrás", reflexiona Ledo.

Na súa opinión, as mulleres "seguimos coidando", como se viu durante a pandemia, "e non houbo un recoñecemento, aplausos si, pero nin estabilización de emprego, nin gratificacións".

Comentarios