'María Solinha' rodarase en Redondela, Cangas e Toralla a partir do 19 de agosto

O filme, dirixido por Ignacio Vilar, estará protagonizado pola actriz Grial Montes, alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, así como por Antón Durán ‘Morris’ e Santi Prego

Presentación de 'María Soliña'. DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Presentación de 'María Soliña'. DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

"A María Solinha do século XVII e a María Solinha do século XXI foron atacadas polo dragón, un dragón que vai cambiando de aspecto e que agora disimula máis, pero que segue aí".

Esta é a única pista que deu este xoves o director Ignacio Vilar sobre o argumento do seu novo proxecto cinematográfico, un filme que se rodará integramente na provincia de Pontevedra entre o vindeiro 19 de agosto e o 20 de setembro.

O título é María Solinha e as localizacións elixidas para darlle vida son Redondela, Cangas e a viguesa illa de Toralla.

"Se vas a un lugar tes que escoitar á xente e foi escoitando á xente deses concellos como xurdiu esta historia", explicou Vilar, que acudiu ao Pazo Provincial para presentar a película xunto a outros membros do proxecto, á presidenta da Deputación, Carmela Silva, e ao deputado de Cultura.

Esta é a séptima obra do director ourensán e, ao igual que nas anteriores, tamén deciciu apostar por incorporar a actores novos, co obxectivo de descubrirlle ao mundo o seu talento. Nesta ocasión, ese é o caso da protagonista do filme, Grial Montes, alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg).

Ademais de agradecer a oportunidade de desenvolver o seu primeiro papel cinematográfico cun equipo "tan potente" e de poder interpretar "a unha muller que permaneceu abaixo, oculta, e da que non se coñece a súa historia", Grial Montes aproveitou para facer un "chamamento a todas as nenas e nenos que teñen medo a entrar na ESADg, aos que lles preguntan como é que queren ser actores, dramaturgos ou directores, ou por que queren facer unha carreira de Artes con tan boa nota na Selectividade". Segundo explicou, "eu tiven un 10,5 na Selectividade, entrei en Arquitectura, fixen dous anos e deixeino para adicarme a isto, así que fago un pequeno alegato para que cada un loite polo que quere".

Ademais dela, os outros actores principais deste filme serán Santi Prego, que dará vida a Pedro Barba (o home de María Solinha) e Antón Durán ‘Morris’, que interpretará ao inquisidor xeral.

O primeiro deles quixo lembrar que "facer cine é caro, pero non facelo é aínda máis caro e supón unha desgraza cultural, económica e a nivel de identidade"; mentres que 'Morris' explicou a satisfacción que lle produce poder rodar unha película integramente na provincia de Pontevedra. O actor de Teis sinalou que as localizacións elixidas para a rodaxe (Redondela e Cangas) "teñen unha historia, un acento e unhas xentes cun tempo" propio e característico que facilita a integración na trama. Así mesmo, lembrou que esta será a segunda película na que actúe baixo as ordes de Ignacio Vilar, co que xa traballara en A Esmorga.

Xunto a todos eles, na presentación celebrada no Pazo Provincial tamén participaron o asesor de actores Ermel Morales, así como Eva Rivas e Fabián Figueroa, da productora Vía Láctea Filmes.

Estes últimos agradeceron o "apoio fundamental" por parte da Deputación, e tamén o dos concellos de Redondela e Cangas.

Precisamente, a presidenta da institución provincial explicou que son moitos os motivos que levaron á Deputación a colaborar con este filme: "Sempre queremos apoiar o cine en galego para que o noso idioma teña máis presenza no audiovisual e tamén porque o cine e o audiovisual xa teñen un peso importante na provincia, pero teñen que ter moito máis. Son unha fonte de riqueza cultural e tamén a nivel económico e de xeración de emprego", afirmou. "O cine e a rodaxe de produtos audiovisuais teñen un enorme poder de atracción turística e nós apostamos por ese turismo de calidade e desestacionalizado que xeran. Ademais, queremos promover que as persoas que se adican a este sector poidan facer cinema aquí e que se convirtan en grandes referentes, espallando así o talento que hai na provincia", concluiu.

María Solinha, ambientada nos séculos XVII e XXI, contará con 30 personaxes. Para escoller a moitos deles, Vilar e o seu equipo realizaron probas con máis de 600 persoas en Redondela, Cangas e na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, ubicada na cidade de Vigo.

Comentarios