Gayoso, Marica Campo e Melania Cruz, entre os galardoados cos Premios da Cultura Galega

Completan a lista de distinguidos a historiadora María Vitoria Carballo-Calero, Música en Compostela, o filólogo Manuel González, Xacarandaina e o programa ConCiencia
Marica Campo, Melania Cruz y Xosé Ramón Gayoso. ARCHIVO
photo_camera Marica Campo, Melania Cruz e Xosé Ramón Gayoso. ARQUIVO

Marica Campo, María Vitoria Carballo-Calero, Melania Cruz, Música en Compostela, Xosé Manuel Gayoso, Manuel González, Xacarandaina e o programa Conciencia son os galardoados cos Premios da Cultura Galega 2022

O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse este martes para distinguir os galardoados nas categorías de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente. Tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; o reitor da USC, Antonio López; a coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco Rotea, e o académico da Real Academia Galega de Belas Artes Xurxo Lobato

Tamén foron membros profesionais da cultura como Zaza Ceballos, produtora audiovisual e galardoada en 2021; Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso; e Xosé Eduardo López-Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo. 

Con estes galardóns, a Xunta distingue un ano máis a "excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural" da comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que "enriquecen a realidade e a identidade cultural" de Galicia. Estes son os premiados.

Marica Campo

María Pilar Campo Domínguez (O Incio, 1948), coñecida como Marica Campo, é unha das escritoras máis recoñecidas no panorama da literatura galega. Ata a súa xubilación, exerceu como mestra, o que marcou a súa obra. En 1992 publicou o seu primeiro libro, Tras as portas do rostro, e recibiu varios premios ao longo da súa traxectoria, como o Fiz Vergara Vilariño. 

María Victoria Carballo-Calero

Nacida en Ferrol en 1942, é historiadora da arte galega especializada en contemporánea, arquitectura e cidade. É catedrática emérita de Historia da arte na Universidade de Vigo e académica da Real Academia Galega de Belas Artes. Filla de Ricardo Carballo Calero, participa en varios padroados culturais e recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo. 

Melania Cruz

A lucense, nacida en 1983, é actriz diplomada en Maxisterio pola USC e titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia (2016). Comezou na interpretación no teatro en 2004, e en 2012 foi unha das creadoras da compañía ilMaquinario Teatro. En 2016 recibiu o Premio María Casares polo seu papel en Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego. Debutou no audiovisual en 2014, en A esmorga e conta con premios como o Mestre Mateo á mellor actriz protagonista. 

Música en Compostela

Estes cursos universitarios internacionais creáronse en 1958 e realizan un labor de preservación, coñecemento, formación e difusión do patrimonio musical, ademais do coñecemento dos autores e da música española no exterior. O seu nacemento foi iniciativa do mestre Andrés Segovia, apoiado polo diplomático José Míguez Morais, director xeral de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores. 

Xosé Ramón Gayoso

O presentador da Televisión de Galicia, nacido na Coruña en 1956, é un dos personaxes públcios máis coñecidos na comunidade da man do programa Luar. Licenciado en Dereito na USC, comezou a traballar na TVG desde a súa inauguración en 1985. Presentou programas como Entre nós, Boa Noite ou Pensando en ti, entre outros. En 2017, recibiu a Medalla Castelao. 

Manuel González González

Nacido en Mazaricos en 1951, é filólogo e investigador de ampla traxectoria. É un dos intelectuais galegos máis relevantes do último século e a súa dedicación ao estudo, defensa e promoción da lingua galega fan del un alicerce fundamental na normalización do galego. É membro numerario da Real Academia Galega, coodinador científico do Centro Ramón Piñeiro e o académico correspondente da Real Academia da Lingua Vasca e do Institut d'Estudis Catalans. 

Xacarandaina

Creada en 1978, a asociación cultural acaba de celebrar o seu 40 aniversario e segue presente de forma moi intensa na actividade sociocultural da cidade da Coruña e de Galicia, como referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego, con traballos de campo progresivos ao longo das catro décadas. 

ConCiencia

O programa de divulgación científica, creado en 2005, é unha iniciativa articulada sobre a base de visitas de Premios Nobel a Galicia, co obxectivo de situar a capacidade creativa galega nos escenarios intelectuais máis exclusivos do mundo. Impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e con apoio do Consorcio de Santiago, tras 17 anos de existencia ininterrompida, máis de 40 personalidades visitaron esta cita anual.

Comentarios