As Matinés do Principal traerán a Pontevedra a Manel, Xabier Díaz e Ele

Este evento terá lugar entre abril e maio onde moitos dos artistas presentarán os seus novos discos na cidade lerezana
Xabier Díaz. EP
photo_camera O pandeireteiro Xabier Díaz. EP

A banda catalá Manel, os galegos Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre e a artista madrileña Elena Iturrieta, coñecida artisticamente como Ele, actuarán en Pontevedra dentro do ciclo As Matinés do Principal.

A cuarta edición deste programa, que propón actuacións en horario matinal, foi presentada este venres no Concello de Pontevedra pola edil de Cultura, Carmen ​Fouces, e o director de Iradia-Crea, Carlos Montilla, responsable deste ciclo musical.

Ambos destacaron que se trata dunha proposta artística de primeiro "nivel" que, nas tres edicións anteriores, tivo unha resposta "moi satisfactoria" por parte do público, que aplaudiron, segundo Montilla, poder achegarse aos artistas dun modo "diferente".

O concerto de Manel, unha das grandes referencias da música catalá, será o único que a banda ofreza en Galicia, avanzou o director do ciclo, para presentar o seu último disco Per a bona gent, co que se presentarán en Pontevedra o 25 de abril.

Xabier Díaz & As Adufeiras do Salitre actuarán no Teatro Principal o 9 de maio dentro da xira de presentación do disco As catedrais silenciadas; e o ciclo pecharao Ele o 17 de outubro, que interpretará en directo os temas do seu segundo álbum, What Nigh Rides.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, celebrou a "magnífica elección" das propostas musicais para este ano e animou ao público de toda Galicia para que se achegue a Pontevedra para gozar "en familia" deste ciclo musical.

Comentarios