As mil e unha receitas de cociña das Irmás Mendoza

O historiador Ángel Arcay publica o receitario de María e Concepción Mendoza Babiano nun volume que inclúe textos do profesor do Carlos Oroza Ricardo Fernández Guerra e da xornalista gastronómica Ana Vega
O historiador de Betanzos Ángel Arcay co seu volume. CEDIDA
photo_camera O historiador de Betanzos Ángel Arcay co seu volume. CEDIDA

"Se a pandemia nolo permite, cando fagamos as presentacións do libro, convidaremos a algún petisco dos que facían elas". Elas son María e Concepción Mendoza Babiano, as irmás Mendoza de Pontevedra, toda unha referencia social e cultural na capital da provincia a comezos do século XX. O historiador Ángel Arcay (Betanzos, 1988), que leva unha década estudando as dúas mulleres e máis concretamente os seus receitarios de cociña, conservados no Arquivo do Museo de Pontevedra, publica agora unha compilación da maioría desas propostas gastronómicas no volume autoeditado Las 1.001 recetas del Palacete de las Mendoza. Dende hoxe pode atoparse na librería Cronopios da cidade e na plataforma de libreiros todostuslibros.com.

Cake Monte Porreiro, Macedonia para el Conde de Bugallal ou Huevos de C. Sobrino son algunhas desas receitas que as Irmás Mendoza deixaron por escrito e que dan conta do divertimento que para elas significaba a cociña, ademais do seu sentido do humor. "Son textos cheos de particularidades, nos que mesturan idiomas ou empregan expresións propias como, no canto de poñer ao baño María, poñer a mi baño". Arcay coñeceu estas libretiñas mentres era bolseiro no arquivo pontevedrés. Ao pouco, comezou a transcribilas nun blog. A conclusión de todo aquel traballo é este libro.

"Mentres no blog traducinas case todas ao castelán, aquí van coas palabras soltas nos idiomas que empregaban: alemán, inglés, francés... o que se lles ocorría", conta. E engade que, ao final, incluíu un glosario "para explicar un pouquiño máis o que igual non se entende nas receitas, por exemplo, que é algún produto que empregaban traído do outro lado do mundo".

COIMBRA. A primeira vez que Ángel Arcay fixo pública parte da súa investigación foi en 2016, na Universidade de Coimbra, onde presentou unha comunicación sobre o receitario e sobre a vida das Mendoza. "Seguín investigando ata que xa cara finais dese ano, en setembro, se celebrou en Santiago outro congreso de literatura gastronómica. Alí presentei unha explicación máis detallada do receitario. Houbo un profesor ao que lle gustou moito e me insistiu en que tiña que publicalo, porque lle vía interese. Eu tamén llo vía, pero foi el, ao apretarme un pouco para poñelo en marcha e incluso ao concertarme algunha reunión con editoriais, o que o puxo todo en marcha". Finalmente, as negociacións cos selos editoriais non saíron adiante e o tema quedou aparcado. "Agora, xa un pouco por orgullo, decidín autoeditalo eu. Ademais, acabo de autoeditar outro volume cuns amigos que quedou moi ben, así que aí foi xa cando me animei definitivamente".

Arcay comenta que os apuntamentos das irmás Mendoza, dende o título que lle poñen ás receitas ata o xeito no que están redactados, deixan ver como o era o seu carácter e a súa vida bohemia e cosmopolita. "Ao final, todas as receitas nos fan ver como eran, dende unha dedicatoria ata un produto que traen dalgún país afastado. Incluso que incluíran receitas como a da sopa xaponesa", conta o historiador, que incorporou ao seu libro practicamente todas as preparacións que deixaron escritas as irmás. "Fixen unha selección de 1.001 dun total de 1.115 que hai".

As transcricións das receitas van acompañadas por unha serie de textos de persoas ás que Arcay convidou a participar na obra para axudar a contextualizala.

Un deles é o profesor do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra Ricardo Fernández Guerra. "No seu texto trata de explicar as innovacións culinarias das Mendoza". Tamén escribe a xornalista gastronómica Ana Vega (@biscayenne nas redes sociais), que ten un proxecto que se chama Los recetarios, no que trata de recuperar, xunto con Carmen Alcaraz, libros de cociña deses que están perdidos polas casas e aos que moi poucas veces se lles dá importancia. "Ao final hai neles un montón de pistas sobre a historia da gastronomía e da nosa cultura que quedan aí esquecidas".

Outro xornalista gastronómico que escribe no libro é Jorge Guitián, "que fala no seu texto precisamente da importancia que teñen todas estas receitas para coñecer un pouco a identidade; á fin e ao cabo, as receitas que fan as Mendoza non eran as habituais dun sitio como Pontevedra". Por último, escriben o propio Arcay, "para poñerlle algo de contexto ao proxecto", e o xurista e investigador Ernesto Vázquez-Rey, "que fala da historia concreta das irmás".

Exposición. As mulleres, no Museo
Vestido exposición De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano, no Museo

O Museo de Pontevedra vén de anunciar nas redes sociais que prepara a exposición De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra, que se inaugurará a finais de febreiro e mostrará material inédito.

Comentarios