ENTREVISTA XX

Erica Couto-Ferreira: "Os mortos teñen tanto que contar como os vivos"

Especialista en Historia Antiga e en Asioroloxía, a autora vén de publicar con Kalandraka Corpos. As outras vidas do cadáver. Afincada en Italia dende hai tempo, pide contestar o cuestionario por correo electrónico.
A escritora Erica Couto-Ferreira (Pazos de Borbén, 1979). CEDIDA
photo_camera A escritora Erica Couto-Ferreira (Pazos de Borbén, 1979). CEDIDA

Que é Corpos. As outras vidas do cadáver (Kalandraka, 2023)?
É un ensaio que explora esas segundas e terceiras existencias dos mortos. Parte da idea de que pasaremos máis tempo no alén que entre os vivos e, polo tanto, na realidade postmortem cabe a posibilidade de que os nosos corpos defuntos, na súa concreción material, poidan seguir acumulando experiencias. Esa exploración das outras vidas do cadáver estructúrase no libro arredor de catro grandes temas: os modos de procesar os restos mortais con relación ás distintas crenzas relixiosas, intereses políticos, etc.; os experimentos de conservación cadavérica (como a momificación e o embalsamamento) ao longo da historia; a figura do verdugo como creador de cadáveres; e o fenómeno do vampirismo. O libro está cheo de anécdotas históricas e de casos curiosos, porque me parece que no detalle tamén se recolle o macro, o estructural. E sempre me parece un bo exercicio pensar no grande (a morte, neste caso) a partir do pequeno.

É un libro resucitado, que está vivindo agora outra vida.
Pois si, o libro tamén está a gozar dunha segunda existencia despois de que se publicara en castelán no 2017 coa desaparecida GasMask Editores. Dende aquela, estaba fóra dos catálogos das librarías. A editora Kalandraka decidiu tiralo das sombras e publicalo en galego. En castelán está dispoñible, nunha edición corrixida e revisada, no selo Cuatro lunas.

Faise presión para que non pensemos na morte, pero é o dó e o recoñecemento da perda o que nos permite remendar e poñer orde

Son máis interesantes os mortos que os vivos?
Non diría que son máis interesantes, porque os mortos xorden dos vivos e parte das vidas alén da tumba que experimentan os defuntos teñen que ver con quen foron de vivos. Pensemos, por exemplo, de que xeito se relaciona a momia de Lenin coa sua labor política vital ou como os restos mortais do presunto apóstolo Santiago que se atopan na catedral santiaguesa crean toda unha narración relixiosa postmortem a partir, xustamente, do seu apostolado a carón de Cristo. Os mortos teñen tanto que contar coma os vivos. Non podemos considerar a morte coma a fin de todo.

É a morte un tabú na sociedade de Instagram?
Moito antes das redes sociais, a morte xa tiña bastante de tabú. Desde moitas frontes sociais, empezando pola propia familia e o círculo de amizades máis íntimo, faise presión para que non pensemos na morte. Non é infrecuente que, no caso de que se produza un loito, se tente que a persoa non procese esa perda, que non pense "nesas cousas", que saia e se airee. Pero, cando alguén morre, é preciso darse tempo e someterse a ese proceso de dó, porque é o dó e o recoñecemento da perda o que nos permite remendar e poñer orde.

A edición en 'Corpos' en castelán e en galego. CEDIDA
A edición en 'Corpos' en castelán e en galego. CEDIDA

Se tivese que escoller unha imaxe do libro, cal sería e por que?
Seguramente escollería A suicida castigada, un preparado anatómico que fixo un médico italiano, Ludovico Brunetti, a mediados do século XIX. É o busto dunha moza moi nova, morta suicida, que recuperaron dun canal e que Brunetti usou para os seus experimentos de preservación de tecido. Para sacala da auga tiveron que usar uns ganchos que esgazaron a pel da faciana, así que disfrazaron a desfeita incluíndo no preparado unhas serpes embalsamadas que a morden. Deste xeito, transformaron un preparado anatómico nunha especie de obra artística cunha mensaxe moral contundente que penaliza e critica a morte pola propia man.

Que dato ou historia recolleu que máis lle chamou a atención e por que?
Hai moitas historias que me sorprenderon durante a preparación do libro. O caso do dentista Martin van Butchell, por exemplo, que embalsamou a muller para logo poñela no seu estudio como reclamo publicitario. Todos os experimentos de petrificación de cadáveres que realizaron na Italia do XIX científicos como Girolamo Segato e Efisio Marini. É o que parece: tentaron deseñar procedementos químicos para convertir a carne defunta en pedra. Algúns dos seus preparados aínda sobreviven.

O sinistro e o sórdido tamén forman parte do mundo, da existencia, do que somos como especie. Por desgraza, ben sabemos que non somos benévolos

Como diría que é a relación que temos coa morte en Galicia? É moi diferente á doutras culturas?
Paréceme que todos os seres humanos compartimos unha relación fonda coa morte, xa sea por presenza, recoñecendo a súa presencia na vida cotiá, ou por ausencia, por negación sistemática. Non sei se en Galicia esa relación é distinta, pero diría que, no terreo relixioso, familiar e grupal é unha relación bastante consciente. As miñas bisavoas, por exemplo, tiñan reservada a roupa coa que querían que as enterrasen e isto era unha práctica bastante común. Por outro lado, creo que non se trata tanto dunha diferencia cultural neta entre pobos canto unha desemellanza de actitude que se percibe entre poboacións máis ou menos urbanas e outras de carácter máis rural. Nese rural no que eu me criei había espazo para falar da morte, para sentila e para chorala, e podía atoparse en contextos tanto humanos como sobrenaturais.  

Este ensaio encaixa perfectamente na súa afección polo terror e as historias de ciencia ficción? Como comezou? Que atopa nelas que non atopa noutros xéneros?
Encaixa, encaixa. Cheguei ó terror literario de pequena, a través deses outros contos, de natureza oral, que se contaban na aldea. As historias de aparecidos, embruxados e premonicións de morte, xa fosen presentes ou acontecidas no pasado, axudaban a crear unha mitoloxía familiar e colectiva, unha memoria común que demostraba que había cousas máis alá da vida terrea. Os xéneros fantásticos e especulativos permiten explorar e criticar dun xeito profundo, e mesmo salvaxe, moitas dos nosos medos individuais e colectivos. Penso en como Agustina Bazterrica reflexiona sobre a explotación humana e animal na súa novela Cadáver exquisito, imaxinando unha sociedade capaz de criar e sacrificar humanos para asegurar unha produción cárnica constante nos mercados.  

Mantén activo o blog En la lista negra, onde reflexiona sobre estes intereses literarios e ten entradas como Canibalismo terapéutico y otras razones para comerse al prójimo. Por que nos resulta tan atractivo o sinistro e o sórdido?
O sinistro e o sórdido tamén forman parte do mundo, da existencia, do que somos como especie. Por desgraza, ben sabemos que non somos benévolos entre nós nin respetuosos coa natureza e o medio no que vivimos. Diría que nos resulta chamativo porque permanece afastado do concepto de orde que rexe o noso día a día. Se a morte, o loito ou o culto regular ós defuntos, por exemplo, estivesen ben instaurados nos nosos ritmos laborais e vitais, se fosen máis visibles, de seguro que non percibiriamos as cousas dun xeito tan impactante e morboso.

A realidade sempre supera á ficción?
Na miña humilde experiencia, só podo responder cun rotundo si. Creo que Corpos. As outras da vida do cadáver serve de confirmación.

Comentarios