sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Mulleres invisibles, mulleres desconfinadas: IV Premio Manuel Lueiro Rey para Paula Castro

Unha muller portando zapatos de tacón. UNSPLASH
Unha muller portando zapatos de tacón. UNSPLASH
Unha reflexión sobre a estigmatización á que están sometidas as mulleres exercen a prostitución valeulle ao xurado, composto por Ramón Rozas, Carmen Vidal e Ramón Nicolás, para conceder o premio de xornalismo

Tres voluptuosas mulleres de orixe latinoamericana parolan sentadas nun escaparate a carón dun portal. Levan vestidos curtos e sandalias. O día está soleado aínda que as temperaturas tardarán meses en subir. É abril de 2020. Un virus obrigou a decretar o estado de alarma e toda a poboación está confinada nos seus domicilios. Elas son as únicas que están na rúa esa tarde. E volverán á rúa día tras día a pesar da prohibición.

Todo, agás as declaradas actividades esenciais, está pechado. Tamén o Kabaret Show Girls da entrada da vila, que baixou a persiana e apagou os seus rechamantes reclamos luminosos.

O Estado articulou medidas excepcionais de axuda ás empresas, aprobou ERTES, prohibiu despedimentos, suspendeu desafiuzamentos, atrasou o cobro de impostos… pero non lembrou a estas tres mulleres. Nin a elas nin ás centos e centos de mulleres que son prostituídas en Galicia.

Mulleres das que só se acordaron as institucións cando catro meses despois o goberno de Castela-A Mancha decretou o peche de todos os clubs -eufemisticamente chamados de alterne- para frear os contaxios por coronavirus entre os puteros. Un anuncio ao que se sumou, ao día seguinte, a Ministra de Igualdade, animando ao resto das comunidades a seguir este exemplo. Outra vez sen articular medidas e sen lles garantir medio ningún para o seu sustento.

Nas seguintes semanas a prensa afánase en advertir aos puteros do perigo de contaxio por coronavirus se recorren á prostitución; en denunciar que a actividade se trasladou a pisos, onde é máis difícil de controlar; en estigmatizar aínda máis as mulleres prostituídas.

o feminismo sae a gritar contra o absoluto estado de abandono ao que se vén abocadas mulleres que nin ás administracións poden recorrer porque, segundo a secretaría xeral de Igualdade, o 90% son inmigrantes, pobres e, na súa inmensa maioría, sen papeis, procedentes de América Latina, Europa Oriental e África.

Un cálculo aproximado porque a propia Secretaría recoñece que “en Galicia non hai datos definitivos”. Barállase que serían entre 500 e 2.000 só no noso país e que superarían as 300.000 no Estado, á altura de 2007, cando se presentou o Informe da Comisión Mixta dos Dereitos da Muller e da Igualdade de Oportunidades do Congreso.

Sabemos cantas persoas traballan na Construción, na Industria ou no sector Servizos, pero non sabemos cantas mulleres están sendo prostituídas. A policía apunta que nun 90 % son vítimas de trata, pero tampouco hai información sobre as actuacións emprendidas para liberalas. Unha situación curiosa cando todo o mundo sabe onde están os clubs, cos seus rótulos, alumeando os accesos ás vilas e as estradas secundarias.

Falamos dun suculento negocio erguido por tramas de delincuencia organizada que reporta anualmente ao Estado máis de 18.000 millóns de euros, o 0,3% do PIB. Falamos dun Estado, o español, que se sitúa en terceiro lugar no mundo, á altura de países como Camboia ou Tailandia, como destino de turismo sexual. Falamos de como gobernos e autoridades fan a vista gorda mentres miles de mulleres malviven, atrapadas contra a súa vontade, en bordeis e pisos por toda a xeografía española para satisfacer as fantasías sexuais de miles de puteros.

Falamos, en fin, de tres mulleres inmigrantes, pobres e indocumentadas sentadas nun escaparate, a carón dun portal, nunha solleira tarde de abril en medio dunha rúa deserta, mentres toda a poboación está nos seus domicilios confinada.

Mulleres invisibles, mulleres desconfinadas: IV Premio Manuel...
comentarios
ç