Un mural europeo para Os Areás

Máis de 30 estudantes de cinco países participarán na realización do proxecto, coordinado por Cuco Carrera
Alberto Oubiña e Ana del Valle presentando o proxecto do mural en Mourente. GONZALO GARCÍA
photo_camera Alberto Oubiña e Ana del Valle presentando o proxecto do mural en Mourente. GONZALO GARCÍA

Entre o 7 e o 16 de novembro, no lugar dos Areás, na parroquia de Mourente, realizarase un mural no que participarán 32 rapaces e rapazas de cinco países: Grecia, Italia, Portugal, España e Letonia. O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Alberto Oubiña, e a directora da ONG Ticket2Europe, Ana del Valle, presentaron este xoves esta iniciativa, que coordinará o artista urbano Cuco Carrera (do colectivo Espacio Matrioska).

A proposta está enmarcada no programa europeo de intercambio de estudantes Erasmus + e realizarase en colaboración coa veciñanza da zona, segundo explicaron os seus promotores. O lugar concreto no que se intervirá é onde se celebra a Festa do Caldo de Mourente, na contorna do lavadoiro. 

"O Concello subministrará o material necesario para esta actuación e xestionou unha colaboración con Autocares Rías Baixas, que se ocupará do transporte da rapazada implicada", explicou Oubiña. "Pretendemos que o proxecto estea asentado no chan e xa mantivemos xuntanzas tanto coa veciñanza como con representantes da asociación de veciños O Castro".

Ana del Valle explicou que os mozos e mozas que participarán no obradoiro teñen entre 18 e 30 anos. Segundo dixo, intervirán tanto no desenvolvemento da idea como na súa execución.

A responsable de Ticket2Europe contou que o mural de Mourente é un proxecto integrado no programa Recreated Rural, "que ten por obxectivo mellorar o ámbito rural en colaboración coa veciñanza". 

Del Valle destacou precisamente desta iniciativa o feito de reunir e poñer a colaborar a xente moza con persoas de máis de 50 anos. "É unha experiencia interxeracional".

Ticket2Europe é unha entidade que, dende 2016, desenvolve proxectos de ámbito europeo na zona de Pontevedra. Traballa fundamentalmente cuestións relacionadas co medio ambiente, os dereitos humanos e o medio rural.

Comentarios