O Museo de Pontevedra dedica un ciclo á relación de Lorca con Galicia

O obxectivo deste ciclo é analizar a relación do poeta andaluz coa cultura galega
Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE

A relación de Federico García Lorca con Galicia e, concretamente, coa cidade de Pontevedra, centrará a nova proposta cultural que impulsa esta semana o Museo de Pontevedra, segundo anunciou este luns o seu director, José Manuel Rei. 

Os responsables deste ciclo, Enrique Mauricio e Carlos Taboada, explicaron que Lorca chegou a Galicia por primeira vez o 25 de outubro de 1916 e visitou en dúas ocasións a cidade de Pontevedra, efemérides que se recordarán nestas xornadas. 

O obxectivo deste ciclo, engadiron os seus impulsores, é analizar a relación do poeta andaluz coa cultura galega. 

A principal actividade será unha ruta guiada pola Pontevedra lorquiana que, o vindeiro sábado 26 de outubro, percorrerá os espazos que Lorca visitou nas súas estancias en Galicia, entre eles, o propio Museo, a emblemática praza da Ferrería ou o Café Moderno, onde se reunían os intelectuais galegos da época. 

A xornada completarase cun conta contos ilustrado para o público infantil ao redor dos Seis poemas galegos, obra que tamén protagonizará durante toda a semana os talleres educativos nos que participarán centos de escolares de colexios da provincia. 

O editor Henrique Alvarellos, acompañado do xornalista Ramón Rozas, impartirá ademais unha conferencia que, baixo o título Viaxe a García Lorca, poeta galego, explicará como a súa decisión de escribir en galego e confesarse poeta galego converteuno nun gran embaixador da cultura e a lingua. 

Alvarellos explicou na presentación deste ciclo que a conferencia analizará tamén a "profunda relación" de Lorca con Galicia e da "ofrenda" que supuxo estes seis poemas para a cultura galega e a "empatía" que o poeta andaluz desenvolveu cara a esta rexión. 

O editor adiantou ademais que proxectará no Museo de Pontevedra un breve documental "moi descoñecido", da xira que a compañía A Barraca realizou por Galicia e Asturias en agosto de 1932. 

Comentarios