O Museo de Pontevedra expón obras de 35 artistas nunha nova edición de 'Novos valores'

A mostra pode visitarse no edificio Sarmiento ata o 15 de setembro
Emilio.MUSEO DE PONTEVEDRA presentacion da exposicion Novos Valores. Detalles das obras. Foto dos catro premiados
photo_camera Presentación da mostra 'Novos Valores'. EMILIO MOLDES

O Museo de Pontevedra inaugura este xoves a edición 2019 de Novos valores, que recolle obras de 35 artistas nunha mostra que poderá verse no edificio Sarmiento ata o 15 de setembro e que inclúe tamén traballos dos catro premiados con bolsas de 7.500 euros destinadas á ampliación dos seus estudos artísticos. 

A Deputación de Pontevedra promove esa iniciativa de apoio aos novos talentos que permite que os aspirantes máis brillantes teñan a oportunidade de perfeccionar a súa formación. Ademais da achega económica, os premios brindan a estes catro artistas a oportunidade de expoñer no museo as creacións resultantes da formación que realicen con estas bolsas de estudo. 

As obras Ordensound, de Amine Asselman, e A mirada que escoita, de Elena Matamoro Gómez dos Infantes; así como a fotografía Habitación nº A, de Rosa Pardal Aragunde, e a escultura Maleza, de Alba Castelo Costa, foron os traballos galardoados polo xurado desta edición. 

Ademais dos catro bolseiros, o tribunal seleccionou entre as 110 obras presentadas ao concurso outras 31, que, xunto ás dos premiados, forman parte da exposición que o público asistente ten a oportunidade de contemplar no claustro do edificio Sarmiento. Son sete gravados, tres debuxos, sete pinturas, cinco esculturas, nove fotografías, tres varios e unha peza audiovisual.

Comentarios