'Nación' comeza a súa rodaxe en Noalla

Margarita Ledo iniciou este martes a filmación dunha longametraxe con perspectiva de xénero que afonda na historia das mulleres que desde o agro e o mar acceden ao traballo industrial

A parroquia sanxenxina de Noalla converteuse este martes no primeiro escenario da rodaxe de Nación... Um sítio onde pousar a cabeça, unha longametraxe dirixida por Margarita Ledo Andión (Castro de Rey, 1951), que firma tamén o guión. Trátase dun filme con perspectiva de xénero que afonda na historia da muller operaria que dende o agro e o mar accede ao traballo industrial.

O filme, producido por Nós Produtora Cinematográafica Galega, conta coa música de Mercedes Peón, a dirección de fotografía de Alberte Branco e a participación da actriz Mónica Camaño, a artista Mónica de Nut, Xoana Pintos e a poeta Eva Veiga, que xa fora protagonista en A cicatriz Branca, última ficción de Margarita Ledo. Tamén colaboran os artistas Bernardo Tejeda e Luis Moscardó.

O filme contará con diferentes imaxes de arquivo e diversas localizacións que, ademais de Noalla, inclúen O Castro, Pontesampaio, Illa Lobeira, Castro de Rei, Vilaboa e Santiago de Compostela.

O obxectivo de Nación é, se-gundo sinala a produtora, "filmar o traballo desde o corpo como arquivo de pequenos acontecementos, persoais e comunais, á marxe do relato oficial". Por iso, o filme, galardoado cun dos premios pola igualdade ‘'Luísa Villanta', convocados pola Deputación da Coruña, e subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), "enlaza con imaxes que rexistraron a acción das mulleres en diferentes situacións e tamén coa restitución da memoria propia". En palabras da produtora, "Nación é filmar o vivido como índice, como vestixio, como sinal dunha época que desapareceu e que volve agromar na procura dese lugar que mima o verso sen límite de Manuel António Pina: ... um sítio onde pousar a cabeça".

Catedrática de comunicación audiovisual da Universidade de Santigo de Compostela, Margarita Ledo é Premio Nacional da Cultura Galega 2008 en Cine e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo 2017 e membro da Real Academia Galega. Entre a súa filomografía destacan A cicatriz branca (2012), Santa Liberdade (2004), Manuel María: "eu son fala e terra desta miña Terra" (2005/2016), Liste, pronunciado Líster (2007) ou Cienfuegos, 1913 (2008).

Comentarios