"Se non traballamos en igualdade, como podemos medir o talento?"

A Deputación de Pontevedra e a asociación Cima convocan a primeira edición dos premios do audiovisual Mulleres no Foco
Su Garrido durante a actuación deste martes no Pazo Provincial. DEPUTACIÓN
photo_camera Su Garrido durante a actuación deste martes no Pazo Provincial. DEPUTACIÓN
Tres premios de 3.000 euros recoñecerán este ano, na primeira edición dos galardóns Mulleres no Foco, o traballo que realizan as mulleres no eido audiovisual galego. Estes recoñecementos, presentados este martes en Pontevedra nun acto que contou coa actuación en directo da cantautora Su Garrido, están convocados pola Deputación Provincial en colaboación coa Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA). "En moitas ocasións dicíasenos ás mulleres que non estabamos nos postos de dirección porque non tiñamos talento", dixo a presidenta de CIMA, Cristina Andreu, en palabras facilitadas pola Deputación. "Se non traballamos en igualdade, como podemos medir o talento?".

Este mércores ábrese o prazo de presentación de candidaturas para a primeira edición de Mulleres no Foco, uns galardóns creados para visibilizar e poñer en valor o traballo das mulleres do audiovisual de Galicia, segundo indican os organizadores do certame.

GALA. Segundo anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, unha vez que un xurado escolla as gañadores dos tres premios, celebrarase unha gala para entregarllos. A presidenta aproveitou o acto para insistir en que "as mulleres estamos fartas de estar fóra do plano e estamos decididas a poñernos de pé e no centro".

Entre os obxectivos que a Deputación di ter ao convocar estes galardóns están recoñecer a traxectoria de mulleres do audiovisual e "facer que cheguen ao conxunto da sociedade porque precisamos de referencias se queremos que máis nenas e mozas se dediquen ao audiovisual", informou a Deputación. Os premios buscan tamén visibilizar o traballo desas mulleres que non aparecen nos medios. Por último, con Mulleres no Foco queren apoiarse historias en feminino. En palabras de Carmela Silva "as mulleres temos historias propias que contar".

Comentarios