Novos Cinemas desvela o palmarés da quinta edición

A película de peche do festival internacional será My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez
O Museo acolleu o obradoiro Experimentando cinemas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O Museo acolleu o obradoiro Experimentando cinemas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A penúltima sesión de Novos Cinemas tivo entre os seus protagonistas a un grupo de rapaces e rapazas de entre oito e doce anos que se achegaron ó cine da man do obradoido Experimentado o cinema que tivo lugar no Museo de Pontevedra.

Á mesma hora, integrantes da Coordinadora Galega de Festivais Cinematográficos e Audiovisuais (Proxecta) e a Asociación Galega de profesionais da Dirección e Realización (Crea) compartiron as súas experiencias sobre a experiencia de exhibición de cinema online no contexto da covid-19 e que deu paso a novas proxeccións.

Logo de toda unha semana de actividades, a quinta edición de Novos Cinemas desvela este domingo os títulos premiados nesta cita coa cultura na lectura do palmarés, que terá lugar ás 12 horas no Teatro Principal.undefined

Xa pola tarde, no mesmo espazo, terán lugar as dúas últimas proxeccións fóra de competición do festival. Ás 16.30 horas proxectarase a segunda sesión do foco ao director murciano Luis López Carrasco. Desta volta haberá doble sesión coa curta Aliens e a película El futuro. Aliens sitúa ao público na Movida Madrileña, nunha visión de luces e sombras que se afasta da cónica, e céntrase na figura de Tesa Aranz, quen pintou arredor de cincocentos retratos de alieníxenas na última década. Logo proxectarase El futuro (2013), o debut en solitario de López Carrasco realizada con metraxe atopada, cuxa acción se sitúa na festa de celebración dun grupo de amigos trala victoria do PSOE en outubro de 1982. El futuro foi mención especial do xurado no BAFICI de 2014.

A película de peche será ás 20.00 con My Mexican Bretzel, da directora catalá Nuria Giménez Lorang. Esta película diario recolle a vida dunha muller de clase acomodada, ilustrada polas filmacións caseiras do seu marido, un rico industrial que filmou a súa vida cotiá entre os anos 40 e 60 do século pasado. My Mexican Bretzel recorda aos melodramas clásicos ao estilo Douglas Sirk e levou o premio á mellor película, guión e dirección no FIC Xixón 2019, o premio Found Footage do IFFR Rotterdam 2020 ou o Premio do Público no D"A 2020 (Barcelona).

As entradas para asistir ás proxeccións de pago poden adquirirse a través de ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal de Pontevedra a partir de dúas horas antes do inicio de cada unha das sesións, tamén con peche de despacho de billetes unha hora antes do comezo do acto. Ademais, as películas da Sección Oficial, Sección Latexos e a selección Pasaron por Novos Cinemas estarán dispoñibles na versión online do festival en Filmin.

Comentarios