O concerto de Mike Grelo e Curmán abre Pontus Lupulus

O Festival da Cervexa Artesá inaugúrase este venres con dez produtores que ofrecen máis de 40 variedades de cervexa

A segunda edición do Festival da Cervexa Artesá de Pontevedra, Pontus Lupulus, comeza este venres co obxectivo de fomentar a cultura cervexeira. A contorna da Praza do Concello acollerá esta cita, que se prolongará durante toda a fin de semana.

A programación da primeira xornada comezará ás 17.30 horas coa inauguración do certame e seguirá ás 21.30 horas co concerto de Mike Grelo e Curmán, o primeiro dos cinco que terán lugar no marco do festival Pontus Lupulus.

Unha decena de produtores galegos ofrecerán nos seus postos, ata as 0.30 horas, máis de 40 cervexas artesás, todas elas únicas e da terra, que se poderán adquirir a partir de dous euros en barril ou en botella. Faxilda, Saramagal, Menduíña, Meiga, Nós e Galponbier (todas elas da provincia de Pontevedra), Santo Cristo e Áncora (Ourense), Kel’s (A Coruña) e Cata Craft (Ponferrada) son os produtores que participan neste evento, que se enmarca na feira Etiqueta Negra, un evento de produtos gourmet elaborados en Galicia que se celebrará en Pontevedra os días 12, 13 e 14 de novembro.

Na programación do sábado destaca un contacontos a cargo de Patakafrita Libraría (12.30 horas), un ‘taster’ de swing e baile (13.30), un obradoiro infantil de manualidades (16.45) e unha cata de cervexas por estilos (17.30) que correrá a cargo de The Basset Beeer Club.

Os concertos que ofrecerán Gonzalo Arca (20.30 horas) e Pumuky and the Puts (22.30) porán o broche de ouro á programación deste segundo día do festival Pontus Lupulus.

Comentarios