O Museo non para

A institución mantén un control diario da conservación das pezas no que están involucrados o equipo de restauración, un informático e o persoal de seguridade ►"Pechamos as portas físicas, pero seguimos traballando", explica a conservadora Fátima Cobo
Un garda de seguridade observando estes días as pantallas de vixilancia. MUSEO DE PONTEVEDRA
photo_camera Un garda de seguridade observando estes días as pantallas de vixilancia. MUSEO DE PONTEVEDRA

Que pasa cando unha situación como a actual alerta sanitaria pecha unha institución como o Museo de Pontevedra? "O Museo segue en marcha", explica Fátima Cobo. "Aínda que as portas físicas estean pechadas ao público, seguimos traballando. Realízase, por exemplo, unha labor diaria de control da conservación das pezas", explica a coordinadora de exposicións temporais e conservadora, Fátima Cobo.

A monitorización das condicións das salas do Museo realízase 24 horas ao día e axústase telematicamente

O equipo de restauración, o de seguridade e o informático son os responsables de realizar este control, que se fai de dúas maneiras: dende as propias salas do Museo e telemáticamente. "Por unha banda, o equipo de seguridade do Museo controla o que sucede a diario nas salas físicamente. Faino a través das cámaras de seguridade e das rondas por todas as dependencias, incluídos os almacéns Calquera cousa que lles chame a atención é comunicada aos traballadores do Museo", conta Fátima Cobo. "Por outra parte, o control de temperatura, luz e humidade realízase telemáticamente e axústase a diario entre o informático e o equipo de conservación".

Esta monitorización realízase durante 24 horas ao día. No caso de atoparse algún tipo de incidencia grave, segundo comenta a conservadora, informaríase á xerente a á dirección do Museo para actuar o antes posible e corrixila.

"Hai que ter en conta que a climatoloxía externa pode repercutir na estabilidade das condicións de cada sala. Días de moito frío ou de moita calor, días de moita humidade... deben terse en conta á hora de facer un seguimento da conservación das obras", explica Fátima Cobo. "Tamén hai que ter en conta que non necesitan as mesmas condicións os debuxos en papel da exposición Debuxantas, por exemplo, que as obras da de Leopoldo Nóvoa".

INVESTIGACIÓN. A responsable das exposicións temporais resalta o feito de que o da conservación é un dos traballos que seguen en marcha no Museo estes días. "Pero hai moitos outros", indica. "Por exemplo, os investigadores seguen traballando. E isto é moi importante de cara á información que se manexa de cada peza, a súa datación e localización, por exemplo, o que permite coñecer detalles que despois axudan á catalogación e á conservación".

Da mesma maneira, Cobo resalta todo o que se está a facer de cara ao público nas redes sociais. "Seguimos traballando para divulgar os contidos do Museo, para achegar información e coñecemento", di. "Porque é importante que os cidadáns sigan vinculados a unha institución e a unhas obras que son súas, que son de todos".

Comentarios