A obra '16 de decembro', de Álvaro Gago, mellor curta do Certame Armadiña 2019

O premio do público foi para 'Uganda' de Fernando Tato, e a mellor dirección recaeu en Daniel Viqueira pola peza 'Limbo'
A actriz Isabel Risco, cos nenos de Poio ao inicio do certame. RAFA FARIÑA
photo_camera A actriz Isabel Risco, cos nenos de Poio ao inicio do certame. RAFA FARIÑA

O Certame de Curtas Armadiña xa ten palmarés de 2019 e a lista de premiados está encabezada pola misma persoa que a coroou o ano pasado. O director Álvaro Gago, premiado en 2018 pola súa multigalardoada peza Matria, recibiu por segundo ano consecutivo a Áncora de Ouro, dotada con 1.000 euros.

A obra 16 de decembro, que foi rodada no primeiro trimestre deste ano e que se comezou a difundir no verán foi escollida como a peza máis destacada das preto de 60 curtas -todas de factura, produción ou dirección galega- que se presentaron a esta cita. Din as críticas dalgún dos festivais nos que xa estivo que Gago describe de xeiro cru e sen grandes artificios o que lle sucede nesa data, 16 de decembro, a unha rapaza que sae de entrenar co seu equipo de balonmán. Unha historia que non lle pasou inadvertida ao xurado, integrado pola directora e actriz Mariana Carballal, a actriz Belén Constenla, o director Fon Cortizo, o actor Xosé Manuel Esperante e a produtora Romina Doce.

A Áncora de Prata o premio do público foi para a peza Uganda de Fernando Tato. Neste caso, o actor, director e músico, aborda de xeito humorístico as relacións de parella e unha cea entre amigos é o punto de inicio desta historia que destaca polo traballo actoral. Outro dos galardóns importantes do Curtas Armadiña, que este doingo contou cunhas 150 persoas como público na súa gala final, é o premio CREA á mellor dirección. O recoñecemento é asignado pola Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia e foi a parar a mans de Daniel Viqueira pola súa peza Limbo.

A Áncora á mellor curta animada recaeu en Homomaquia, de David Fidalgo Omil, mentras que o premio a unha carreira este ano foi para a directora, produtora e actriz Sonia Méndez, coñecida entre outras cousas por participar en series como Terras de Miranda, Os Atlánticos, Serramoura ou Cuéntame cómo pasó e que destaca tamén como socia fundadora da produtora Cósmica Producións ou directora de Antes de Perder, serie emitida por Playz-RTVE. Méndez, ademais, pasou parte da súa infancia e xuventude en Poio.

A Áncora ao mellor videoclip, escollida polo xurado mozo, integrado por mocidade de Poio, recaeu en De bruma e salitre realizado por Xaime Miranda para a banda Mileth.

A actriz Isabel Risco foi a directora desta gala de peche da edición, moi aplaudida polos asistentes, e as áncoras estrearon nesta cita forma cerámica, ao ser deseñadas pola firma fornelense Cavalinho do demo.

Comentarios