Obras de arte que caben nun casilleiro

Alumnos da Facultade de Belas Artes expoñen unha serie de traballos nas vitrinas situadas no recibidor do centro
Foto de grupo dos alumnos implicados na exposición. DAVID FREIRE
photo_camera Foto de grupo dos alumnos implicados na exposición. DAVID FREIRE

As bolseiras da Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Andrea León e Cora Novoa, son as responsables da exposición Que tes no teu casilleiro?, que este venres quedou inaugurada e que reúne unha serie de pezas de pequeno formato do propio alumnado. A particularidade da mostra é onde se mostran estas obras: nas vitrinas do recibidor da facultade.

Doce estudantes (Uxía González, Andrea Mosquera, Andrea Torres, Conchi Garrido, Candela Conde, Carolina Bouza, Lara Cores, Daniel Selas, Eva Antelo, Nuria Oujo, Carla Gasparrini e José María Paniagua) son os artistas que participan nesta proposta que reúne traballos de diferentes disciplinas e temáticas, informa o diario dixital da Universidade de Vigo, Duvi (www.uvigo.gal).

JORGE SOTO. O vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e o vicedecano da Facultade de Belas Artes, Javier Tudela, participaron, xunto aos artistas e ás comisarias da mostra, na apertura desta exposición que permite ver traballos realizados con distintos materiais e técnicas. Durante o acto, Javier Tudela destacou que este era un proxecto que partía do alumnado e que estaba dirixido tamén ao alumnado, así como importancia de dar a coñecer o traballo que se realiza en Belas Artes "fóra da facultade". 

Pola súa banda, Novoa e León sinalaron que o obxectivo desta proposta era dar a coñecer os traballos do estudantado e "mostrar quen somos", en palabras recollidas polo Duvi. A exposición verase complementada pola edición dun catálogo, que se realizará no taller de risografía da facultade.

No dossier da exposición, que se pode consultar na páxina web da UVigo, os propios creadores comentan as distintas pezas expostas.

No caso da pintura de José María Paniagua, por exemplo, indícase como con esta obra se trata o tema das marxes do lenzo e a súa representación no espazo expositivo. "A proposta da Sala X e os casilleiros escollidos por esta, permitíronme xogar coa idea do encerro e o cristal, situando o personaxe retratado dentro deste reducido espazo do que pretende saír", indica o artista.

Engranajes de producción é o título da peza de Andrea Torres, unha serie de debuxos cosidos en tea, "que sinalan, a modo de crítica, as liñas de segmentación que trazamos os humanos sobre o corpo doutras especies". 

Igualmente crítica se mostra coa súa peza Andrea Mosquera. "Mediante a mistura de elementos naturais e artificiais, nesta peza xérase un diálogo entre a supervivencia da natureza e a ambición do ser humano, a través da cal esta vese limitada ou eliminada de modo atroz". 

Comentarios