Óscar Ibáñez, gaiteiro: "Vai ser un un dos grandes concertos da miña vida"

O poiense Óscar Ibáñez ofrece despois dunha longa traxectoria o que será o seu primeiro concerto na súa casa. O espectáculo adaptado á nova normalidade e con medidas de seguridade, terá lugar este venres ás 21:30 horas na praza do parque de Ánkar
óscar ibáñez boa
photo_camera Óscar Ibáñez diante da Casa de Colón en Poio. BEATRIZ CÍSCAR

Despois de toda unha vida dedicada á música galega, a nova normalidade brindoulle ao gaiteiro Óscar Ibáñez unha oportunidade para tocar na súa casa, despois de facelo por unha gran cantidade de países.

Como se sente ao tocar por primeira vez en Poio despois de toda a súa traxectoria?
Emocionado porque vai ser un dos grandes concertos da miña vida e á altura doutros que significaron moito como participar no Festival Intercéltico de Lorient ou en Ortigueira. Tocar na casa é unha gran responsabilidade e satisfacción total.

A que se deben esos sentimentos de emoción e responsabilidade?
Non só porque me criei aquí senón porque tamén foi en Saíñas onde nos xuntamos centos de rapaces para tocar naquel grupo que se formou nos anos 80, Treboada. Poder amosar como fun evolucionando, o que empezou como unha actividade de ocio e que se converteu na miña vida e na miña profesión é o que fai que para min sexa realmente emotivo. 

Como será o formato do concerto?
Imos traer unha formación cos meus seis músicos habituais de Óscar Ibáñez & Tribo. Fernando Fraga ao acordeón, Harry.C ao violín, Manu Cebrián á guitarra, Paco Dicenta ao baixo e Andrés Vilán á batería. Haberá catro gaiteiros tamén: Daniel García, Álvaro Rúa, Pepe Romero e Jorge Maño. Tamén Carla Villanueva co xilófono e Rocío Fernández que tocará gaita e pandeireta.

Houbo unha adaptación do espectáculo á nova normalidade?
Antes traballabamos con dous espectáculos. Un con invitados, banda de gaitas, bailadores, cabezudos... Este ano, dadas as circunstancias excepcionais, tivemos que traballar co segundo espectáculo. Musicalmente é o mesmo pero non ten ese contorno de invitados, bailadores, cabezudos que acostumabamos levar. A banda de gaitas, por exemplo, queda reducida a gaiteiros. 

Como serán as medidas de seguridade?
Imos ser un total de 12 músicos en escena pero imos respetar as distancias de seguridade nun escenario de doce metros en Poio. Vai ser un concerto con menos brincos, un pouco diferente e o público con máscara e sentado. 

Como comezou o seu interese na gaita?
En Saíñas existiu unha iniciativa para facer un grupiño de baile. Comecei a bailar e un día paseime pola clase de gaita. Como viron que aquelo se me daba ben o profesor quixo que fora. Entón empecei a combinar as dúas cousas.

E acabou converténdose nun dos gaiteiros máis galardoados...
Eu viña de tocar na festas populares de San Salvador e en outubro comecei a xirar 15 días por París, Alemaña, Bélxica... Foi un cambio absolutamente incríble onde eu ademais empecei a contactar con gaiteiros escoceses, búlgaros, irlandeses. Abríuseme un mundo novo. 

O seu traballo «Alén do Mar» recolle tanto o seu Poio como a súa traxectoria noutros países, que foi o que o inspirou?
Descubrín un poema de Cabanillas , O fillo de Celt no Museo de Pontevedra no que Cabanillas presenta un Colón galego descendente de Celt, un deus celta que viaxa cunha tribo, de aí o nome do meu grupo Óscar Ibáñez & Tribo. A historia pareceume tan brillante que propúxenme ser o Colón galego que irmandase ambos mundos musicalmente. 

Como valora que a nova normalidade apoie á música e artistas locais?
Estou moi agradecido ao Concello por pensar en min nesta ocasión, unha circunstancia marcada pola situación que estamos a vivir cunhas políticas culturais destinadas a poñer en valor aos artistas locais e a música galega. Aínda que estou agradecido, e iso vai por diante, creo que este concerto chega un poquiño tarde dentro da miña traxectoria.

Comentarios