sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Papel de estraza e luz de carburo

Portada do libro 'Papel de estraza', de Fernando Salgado e de Juan Otero. GONZALO GARCÍA
Portada do libro 'Papel de estraza', de Fernando Salgado e de Juan Otero. GONZALO GARCÍA
Fernando Salgado e Juan Otero recuperan a historia da primeira parte do século XX da Illa de Arousa nun volume que rescata figuras de mulleres como Pepa A Cullereira
Todo comezou como unha broma de bar. Unha anécdota moi coñecida na Illa de Arousa. O 10 de outubro de 1934, na taberna O Nicho, a uns veciños ocorréuselle proclamar unha república federal independente cun goberno propio. "Nun papel de estraza, do que había enriba de calquera dos mostradores daquel tempo, alguén comezou a anotar: ti, presidente; ti, vicepresidente; este outro, ministro de cultura...". O papel da brincadeira quedou no peto dun dos presentes. "Falamos do ano 34. E falamos de como a xente da Illa parou naquel momento en solidariedade coa revolución mineira asturiana". As protestas dos traballadores derivan na chegada de gardas de asalto e carabineiros nun remolcador da Mariña Mercante. Comezan as detencións e os rexistros. Nun deles aparece a lista do Nicho. "Todos aqueles homes pasaron pola cadea e todos saíron absoltos", segue relatando o escritor e xornalista de Diario de Pontevedra Fernando Salgado sobre a orixe deste libro titulado Papel de estraza, que vén de publicar o Concello da Illa. "Pero chega 1936. E a maior parte deles son asasinados salvaxemente".

Fernando Salgado e Juan Otero son os autores de Papel de estraza, "un libro non convencional de memoria histórica", que recupera a historia recente da Illa de Arousa. Así o explica no prólogo, Xosé Álvarez: esta obra "quedará como un referente imprescindible para coñecer a historia da Illa de Arousa e arredores na primeira metade do século XX".

Fernando Salgado
"A Illa de Arousa é un espazo diferente a calquera outro. Entre a súa xente forxouse unha conciencia solidaria que se mantén a día de hoxe"

CONCIENCIA DE CLASE. O contexto social éo todo neste traballo, segundo Fernando Salgado. "A Illa é un espazo diferente a calquera outro do continente. Polo feito mesmo de, ata hai máis ben pouco, os veciños vivían illados. Iso fixo que as diferenzas entre eles se deixaran de lado para funcionar todos a unha. Forxouse unha conciencia solidaria que se mantén ata o día de hoxe", explica o autor. "Hai que entender como naquel momento se formou unha conciencia de clase, como as mulleres se emanciparon grazas, entre outras cousas, á independenza económica que lle daba o traballo nas conserveiras ou no marisqueo. Nós empezamos o noso percorrido xa nese tempo previo ao suceso do Nicho". O tempo da luz de carburo, que é como se titula o primeiro capítulo do libro. "O tempo de alumearse cun candil, quen o tiña".

As mulleres xogan un papel especialmente destacado en Papel de estraza. "Descubrilo foi especialmente gozoso para min". Esta relevancia social é patente dende os mesmos apelativos. "Un día escoitei referirse a alguén como Pepe de Luisa. Preguntei se había máis casos como ese e resulta que había unha chea: homes que se coñecían polo nome das mulleres". Historias de represaliadas durante a Guerra Civil son tamén recollidas no volume, que conclúe precisamente cunha delas, Pepa a Cullereira. "Era unha desas mulleres que se rebelou e se plantou ante unha daquelas procesións que practicamente eran manifestacións para dicir catro cousas. Marchou para Arxentina e non volveu ata o 51 coa cabeza moi alta, para que quedase clariño que nin humilladas nin vencidas".

O ensino, o cine, o fútbol... todo aparece en Papel de estraza un proxecto que naceu do encontro de Salgado con Juan Otero en 2019. "Genito, que é como o coñece todo o mundo, atesoura unha chea de documentación sobre A Illa". Parte dese material tamén se incluíu no libro. "Foi un gustazo traballar con el".

Presentación. 18 de xuño no Auditorio da Illa
Fernando Salgado e Juan Otero presentarán Papel de estraza o venres 18 de xuño, ás 20.00 horas, no Auditorio da Illa de Arousa. Estarán acompañados polo prologuista do libro, Xosé Álvarez, e polo alcalde, Carlos Iglesias. O acto será presentado por Montse García, de Radio Arousa. 

Papel de estraza e luz de carburo
comentarios
ç