Patti Smith, primeira cabeza de cartel confirmada para o Festival Noroeste

A actuación da "madriña do punk" será o 9 de agosto

Patti Smith. AEP
photo_camera Patti Smith. ADP

O 33º Festival Noroeste Estrela Galicia da Coruña, que terá lugar do 6 ao 11 de agosto, confirmou este martes a través dun comunicado que a "madriña do punk", Patti Smith, actuará na praia de Riazor acompañada da súa fiel banda. 

A actuación da estadounidense, de 72 anos de idade, que por agora é a única gratuíta confirmada para este verán en España, terá lugar o venres 9 de agosto ás 23.30 horas no areal herculino. Alí interpretará temas xunto á súa banda "que forman xa parte da historia universal do rock", como People Have the Power, Gloria ou Because the Night, entre moitos outros. 

Segundo a organización do festival, Patti Smith, considerada "como a máis grande poetisa da música estadounidense", fará un repaso dos mellores discos dos seus máis de catro décadas de traxectoria, "desde o icónico Horses (1975) ata o seu último traballo, Banga, editado en 2012". 

O 33º Noroeste Estrella Galicia celebrarase "coa mesma filosofía urbana, ecléctica e de calidade dos seus últimos catro anos". Na pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes e un 72 por cento de cota feminina. O cartel tivo máis de 85 bandas e artistas programadas. 

Este ano "repetirá os seus máis de 150 horas de música en vivo sobre escenarios singulares repartidos por toda a cidade, para consolidarse de novo como unha cita única e de referencia do verán peninsular". 

O Noroeste, organizado polo Concello da Coruña coa colaboración de Estrela Galicia, apostará "non só por grandes nomes internacionais, senón tamén por novas promesas que pisan forte e polas bandas locais e galegas con moito que dicir encima dun escenario". 

"Fiel á filosofía que vén caracterizando ao festival nas súas últimas edicións", o Noroeste Estrela Galicia manterá en 2019 o seu carácter urbano con escenarios repartidos por toda a cidade, que permitirán ofrecer ao público "novas experiencias e outras formas de interactuar coa xente a través da música". 

Tamén ofrecerá ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Contará ademais con sesións matinais e o Ciclo Selección Noroeste, con directos en teatros e recintos a cuberto. 

Comentarios