Pedro Rielo gaña o Manuel Reimóndez Portela de Xornalismo

O xurado recoñeceu co galargón unha serie de cinco artigos publicados polo autor en A Revista de Diario de Pontevedra
O xornalista e escritor pontevedrés Pedro Rielo. JAVIER CERVERA MERCADILLO
photo_camera O xornalista e escritor pontevedrés Pedro Rielo. JAVIER CERVERA MERCADILLO

O xornalista e escritor Pedro Rielo (Pontevedra, 1972) é o gañador da XXV edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, que se convocan anualmente o Concello e a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada e está dotado con 1.000 euros. Fíxoo por unha serie de cinco artigos publicados no suplemento de fin de semana A Revista, de Diario de Pontevedra, baixo o título xenérico "Crónicas no faiado", "A xeito de mensaxe aventado, O bosque: Espello de algoritmos, Unha língua de bandeira, Os invencibles amores do cuco e Festina lente no tempo adiado. 

O xurado, que escolleu os artigos de Rielo por unanimidade, destacou "a actualidade e trascendencia dos temas elixidos, a denuncia dos maltratos ás mulleres, a reivindicación da lingua galega, o respecto á natureza ou a vida en plenitude, así como o estilo coidado dos seus escritos e a voz íntima e persoal, impregnada de lirismo, coa que neles se expresa o autor", segundo informa o Concello da Estrada nunha nota.

O xurado, presidido por Juan Manuel Constenla, estivo composto por Victoria Reimóndez, María del Carmen Vieitez, Enrique Otero e Juan Andrés Fernández. Exerceu como secretario José Manuel Bouzas. A súa reunión, que tivo lugar o 10 de novembro, realizouse de xeito telemático.

20 TEXTOS. Concurriron a esta edición do galardón da Estrada un total de 20 artigos, pertencentes a sete autores, dos que o xurado destacou a variedade e calidade. O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro mes de decembro. "Por mor da covid-19 farase un acto cumprindo coas medidas de seguridade establecidas e cancelando a asistencia de público", explica o Concello da Estrada. "A entrega de galardóns contará coa presenza do alcalde estradense, dun representante da Deputación de Pontevedra, do concelleiro de Cultura, dun representante do Comité de Seguimento do galardón, do gañador da presente edición e de xornalistas dos medios de comunicación". 

Pedro Rielo, que actualmente traballa na Televisión de Galicia, suma o Manuel Reimóndez Portela ao III Premio Neira Vilas de novela curta, que gañou coa obra Detrás dos perdidos (Embora, 2019), e ao XV Premio de Narración Curta Concello de Marín.

Comentarios