A película 'Ons' de Alfonso Zarauza opta a 13 premios nos Mestre Mateo

''A illa das mentiras', 'Arima' e 'Lúa Vermella' e 'Ons' compiten ao premio á mellor película

Presentación de los finalistas a los Premios Mestre Mateo. EP
photo_camera Presentación dos finalistas aos Premios Mestre Mateo. EP

Os films A illa das mentiras, Arima, Lúa Vermella e Ons competirán como mellor película na XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará no teatro Colón da Coruña o próximo 10 de abril. 

O acto de presentación das candidaturas finalistas celebrouse este mércores no mesmo escenario coa presenza de representantes das entidades colaboradoras. 

Ons, de Alfonso Zarauza, conseguiu 13 nomeamentos, entre as que se contan as de mellor guion, actores e actrices principais e de repartición, dirección de produción ou dirección; mentres que A illa das mentiras, de Paula Cons, alcanzou 11; e Arima, de Jaione Camborda, sete, tamén nas categorías máis destacadas. 

As series A desorde que deixas, da plataforma Netflix, ou Néboa, de RTVE, lograron tamén varias candidaturas e outras longametraxes notables na lista de finalistas foron Lúa vermella, de Lois Patiño, ou 9 fugas, de Fon Cortizo.

NOMEAMENTOS. Así, entre as principais categorías, están nomeados a mellor director: Alfonso Zarauza (Ons), Fran Cortizo (9 fugas), Lois Patiño (Lúa Vermella) e Paula Cons (A Illa das mentiras). 

En mellor interpretación feminina están: Inma Cuesta (A desorde que deixas), Isabel Naveira (Néboa), Melania Cruz (Ons) e Nerea Barros (A illa das mentiras). 

A mellor interpretación masculina protagonista optan: Antonio Durán, Morris (Ons), Darío Grandinetti (A illa das mentiras), Monti Castiñeiras (A lei de Santos) e Perico Asorey (Arima). 

En mellor interpretación feminina de repartición: Isabel Garrido (A desorde que deixas), Lidia Veiga (A lei de Santos), Marta Lado (Ons) e Vitoria Teijeiro (A illa das mentiras). 

Os nomeados a mellor interpretración masculina de repartición: Josito Porto (Arima), Milo Taboada (A Illa das mentiras), Tamar Novas (A desorde que deixas) e Xúlio Abonjo (Ons). 

En mellor guion: Jaione Camborda e Alfonso Zarauza (Ons); Carlos Montero, Javier Holgado e Andrés Seara (A desorde que deixas); Jaione Camborda (Arima); e Paula Cons (A illa das mentiras). 

En mellor documental: Nación, de Margarita Ledo; Nación de muchachos: utopía ou morte, de Javi Camino; A media voz, de Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández; Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío. 

Na categoría de mellor serie: Auga seca, A desorde que deixas, Néboa e O sabor das margaridas

Pola súa banda, están nomeados a mellor comunicador de televisión: Alba Mancebo (Os Castros), Roberto Vilar (Land Rober), Rodrigo Vázquez (Quen anda aí) e Simone Saibene (Cinephilia).

GALA PRESENCIAL. A gala será presencial, unha "aposta" da Academia Galega do Audiovisual, que organiza o evento, coa "bandeira de cultura segura por diante", explicou o seu vicepresidente, Álvaro Pérez Becerra, no acto. A entidade é consciente, dixo, de que os protocolos son "incómodos" pero considera que "valerá a pena". 

A secretaria da academia, Saamira Ganay, anunciou que se presentaron 424 propostas ao certame, 254 delas con autoría masculina. Foron 146 obras estreadas en 2020, un 10% menos que o ano anterior. 

Ganay tamén detallou que se presentaron 28 anuncios, cinco curtos animación, 24 curtos, 12 documentais, oito longos, 25 programas televisión, sete series, cinco series web e 29 videoclips. 

COLABORADORES. O director do Agadic, Jacobo Sutil, asegurou no acto de presentación de finalistas que a gala supón un "incentivo profesional" e tamén aumenta, dixo, "a creatividade e visibilidade" do sector. 

"Será un momento para recoñecer a todos os traballadores que, en situación extremadamente difícil, coa incerteza que vivimos, seguiu traballando", engadiu. 

"Foron as empresas galegas as primeiras que retomaron as rodaxes", destacou Sutil, que recordou que Galicia foi a primeira comunidade en deseñar un "plan de reactivación do sector cultural" e anunciou que pronto haberá axudas para as salas de exhibición. 

Isabel Blanco, en representación da Fundación AISGE, defendeu o labor que realizaron neste ano de pandemia para garantir a "supervivencia" dos seus asociados, "centenares" de actores e actrices. 

Tamén asistiron ao evento representantes da adega Paco e Lola, a empresa de alimentación Gadis ou Deleite, así como de CRTVG. 

NO MAPA. Pola súa banda, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, resaltou que o sector audiovisual galego "está a pór a Galicia no mapa mundial" e considera que o labor das administracións debe ser "ofrecer estes traballos á sociedade". 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cualificou, na súa intervención, de "indispensable" a cultura durante a pandemia e lamentou as "duras consecuencias da crise", aínda que describiu aos profesionais como "fortes e resistentes". "Deunos forza para continuar. Grazas á cultura conseguimos ser fortes e mirar cara adiante", recordou. 

Rey anunciou que as catro películas finalistas poderanse ver no Teatro Colón na segunda edición da Semana do Cine. 

Comentarios